Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

Comunicado de axudas extraordinarias do Concello de Cedeira

En reunión no concello do grupo de goberno e técnicos municipais, e como medidas extraordinarias en concordancia co estipulado no RD 463/2020 de 14 de marzo polo que se declara o estado de alarma, adóptanse as seguintes liñas de colaboración coa veciñanza:

  • Axuda a aquelas persoas que, tendo recursos económicos, poidan ter algún tipo de problema de mobilidade ou polos seus coñecementos non teñan acceso os medios tecnolóxicos que lles permitan facer a compra on-line. A través da colaboración do voluntariado de protección civil facilitaráselles o servizo de achega á súa casa da compra ou daqueles servizos de primeira necesidade que precisen.

Teléfonos: 673 223 392 – 673 223 415

  • Axuda a aquelas persoas que non teñan recursos económicos. Estas axudas consistirán en bens de primeira necesidade tanto de alimentación como de hixiene. Para acceder a estas axudas as persoas afectadas deberán poñerse en contacto cos Servizos Sociais onde se Iles solicitará a información necesaria.

Teléfonos: 607 264 571 – 981 492 179

Dadas as distintas casuísticas que poden levar nestes momentos a pertencer a este grupo podería solicitarse, en prazo posterior, documentación que acredite a antedita situación.

Queda suspendida a zona azul no municipio de Cedeira

Ante a crise provocada polo virus COVID-19 (Coronavirus) e á vista da declaración do estado de alarma efectuado polo Goberno da Nación, e co fin de contribuir e facilitar a limitación da mobilidade da veciñanza e que as persoas se queden na casa, o Goberno Local comunica:

Que queda suspendida a ZONA AZUL no municipio de Cedeira desde o día de hoxe e ata o remate do estado de alarma.

Sanidade pon a disposición da cidadanía un autotest con información sobre o coronavirus na páxina web do sergas

A Consellería de Sanidade vén de publicar, a través da páxina web https://coronavirus.sergas.gal, que o Servizo Galego de Saúde dedica de xeito exclusivo ao coronavirus, un autotest para que a cidadanía poda consultar síntomas e resolver dúbidas relacionadas con esta enfermidade.

Coa posta en marcha deste test interactivo, elaborado por persoal sanitario, proporciónase á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus. Ademais o feito de que o test personalice as respostas, a través de preguntas concretas, permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa.

Esta nova ferramenta de información e consulta, súmase a outras iniciativas relacionadas coa atención a esta enfermidade, xa postas en marcha desde Consellería de Sanidade, como o teléfono gratuíto 900 400 116 que nestes días incrementou a súa demanda asistencial ata nun 60%.