Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O GOBERNO LOCAL PINTA A INSTALA UN NOVO CHAN DE TARIMA EN OITO AULAS DE INFANTIL DO CEIP NICOLÁS DO RÍO

Persoal municipal do Concello de Cedeira está a traballar estes días, aproveitando as vacacións de Semana Santa, na colocación dun novo chan de madeira en oito aulas de Infantil do colexio Nicolás do Río. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, son oito clases que tiñan chan de baldosa, deteriorado pola súa antigüidade e pouco acaído para que nenos e nenas senten ou fagan actividades sentados ou tumbados.

Así, o goberno municipal investiu pouco máis de 18.000€ (IVE incluído) na compra da tarima necesaria e un caucho especial que vai ir na debaixo do pavimento e que vai servir para illar e amortiguar os sons. Traballadores municipais están colocando o novo solo e pintando as oito aulas, que serán máis confortables para o alumnado á volta das vacacións.

Moreda explicou que esta é unha actuación que resposta a unha petición da dirección do centro. “Desde o Concello vemos que é unha necesidade, especialmente nas aulas de Infantil para evitarlles aos máis pequenos a sensación de frío do chan de baldosa”, comentou.

O alcalde subliñou a relación de colaboración e apoio que mantén o Concello co colexio, ao que tamén se dotou desde a administración local dun parque infantil de area, un chan de caucho para o patio (do que se financiou o 50%), a adecuación do patio do Areal, entre outras actuacións.

O CONCELLO PON EN MARCHA O PROGRAMA “DE RUTA” CON TRES SAÍDAS POLOS EXCEPCIONAIS PAISAXES DO MUNICIPIO

O Concello de Cedeira pon en marcha durante o próximo período de vacacións de Semana Santa o programa ”De Ruta” con tres saídas guiadas a pé polos excepcionais paisaxes do municipio. O goberno local conta coa empresa local de turismo activo Portal Norte para organizar estas tres saídas, que serán os días 1, 5 e 8 de abril, todas de balde e cun límite máximo de 15 participantes.

O programa “De Ruta” comezará o sábado 1 de abril cun percorrido ao faro de Robaleira. Será unha saída de 8km, de dificultade baixa/media e que se realizará nunhas catro horas, con saída desde o Palacete Municipal ás 10.00 da mañá. O itinerario será circular, parte del polo sendeiro que vai desde as vellas fábricas de San Isidro ao faro. Unha vez alí o grupo poderá ver a antiga cetaria, a cala Mi Señora e gozar coas vistas da ría de Cedeira. A volta realizarase polo camiño que leva da praia das Cerdeiras ao Barral.

Para o mércores 5 de abril, a proposta é unha ruta polos Altos de Santo André. Serán tamén 8km dunha dificultade técnica baixa/media, pero con saída desde o mirador dos Carrís. A cita será alí, tamén as 10.00 da mañá, e o percorrido irá pola Serra da Capelada e permitirá gozar coas vistas dos cantís de Santo André de Teixido, a Vixía de Herbeira e as rías de Ortigueira e Cedeira.

A última ruta, o sábado 8 de abril, será un percorrido lineal desde Punta Candieira a Punta Sarridal, cubrindo unha distancia de 10km que, se estima, levará cinco horas. Nesta saída non se vai pisar asfalto e a organización levará ás persoas participantes, en furgonetas, ata o lugar de inicio da andaina. O punto de encontro será no Palacete Municipal ás 09.30 horas.

As persoas interesadas teñen que realizar a súa inscrición no Polideportivo Municipal, ou ben chamando ao número 981 482 633 ou enviando un mail a polideportivocedeira@gmail.com.

O AUTODITORIO DE CEDEIRA ACOLLE ESTE SÁBADO A OBRA DE TEATRO “ESAS COUSAS MARABILLOSAS”

O Auditorio de Cedeira acolle este sábado ás 20.30 horas a representación de “Esas cousas marabillosas”, o tenro e emocionante relato dun neno que afronta o intento de suicidio da súa nai reunindo nunha lista todas as razóns polas que paga a pena vivir. O actor Elisardo de la Cruz e Empatía Teatro producen esta obra con texto do dramaturgo inglés Duncan MacMillan. As persoas interesadas poden reservar as súas localidades anticipadamente enviando unha mensaxe por whatsapp ao número 649 87 66 14. O prezo é de 2,5€.

Elisardo de la Cruz estreou a obra o pasado ano no Festival Internacional do Monólogo “Singular” do Padroado da Cultura de Narón e desde aquela máis de duas mil persoas teñen visto “Esas cousas marabillosas”, con cheos na Coruña, Boiro e Carballo.

O texto que escribiu Duncan MacMillan hai unha década, e que se mantivo en escea coas entradas esgotadas durante tres anos no Festival de Edimburgo, está hoxe de total actualidade polo preocupante aumento dos casos de suicidio, especialmente entre adolescentes. “Esas cousas marabillosas” é un monólogo que se vai construíndo coa participación do público e que trata o tema dunha maneira natural e humana, con toques de humor e cunha visión esperanzadora.

Tamén o mesmo sábado, o establecemento O’Peirao acollerá a presentación do libro “Me llamaré Silver Stardust”, que Nuria Martínez Deaño (Madrid, 1971) terminou de escribir en Cedeira, localidade na que reside desde a pandemia. Esta editora, tradutora e xornalista, filla e neta de galegos, atopou na vila a tranquilidade necesaria para sacar adiante a súa primeira novela, que xa ten recibido o aplauso de Rosa Montero –considerouna unha obra “tensa, afiada e estremecedora”-.

“Me llamaré Silver Stardust” é a historia dun yonqui que deambula polo Madrid dos anos 90 en busca de redención, a través do cal coñecemos a España dos 70 e os 80 e a fenda xeracional que marcou a relación entre pais e fillos naqueles anos posteriores ao franquismo.