Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

Listaxe provisional de devolucións de taxas polo peche das instalación deportivas municipais

O 16 de xuño de 2020 o concello de Cedeira aprobou a proposta de devolución de ingresos indebidos derivados do peche das instalacións deportivas municipais pola crise sanitaria da COVID19.

Agora, públicase a resolución aprobada para que aos usuarios afectados e que poidan realizar as alegacións e presentar a documentación que consideren.

Unha vez rematado o prazo de alegacións, e que a proposta de devolucións sexa definitiva, para que a devolución se leve a efecto é necesario que se presente no concello a través do rexistro certificado do número de conta onde se fará a devolución acompañado de DNI.

Na seguinte ligazón pode consultarse a proposta de devolución aprobada:

IR Á LIGAZÓN Listaxe provisional de devolucións de taxas polo peche das instalación deportivas municipais

Cedeira ofrece 33 saídas guiadas para descubrir a riqueza xeolóxica do seu territorio

Esta fin de semana bota a andar o programa de Xeorrutas no concello de Cedeira, unha iniciativa que está en marcha desde o 2016 e que o ano pasado superou todas as expectativas cunha participación de 507 persoas, o que representa un incremento dun 1,4 con respecto á anterior edición e dun 15% desde a súa implantación. A día de hoxe máis de 2.000 persoas tomaron parte nas Xeorrutas organizadas polo Concello cedeirense.

O programa deste ano consta dun total de 33 saídas- de venres a domingo- ata a segunda quincena do próximo mes de setembro e a oferta inclúe saídas xeolóxicas guiadas polas rutas das Praias Negras, Granate, Cantís, Cromo e Litoral.

O catedrático en Xeoloxía Francisco Canosa volverá a estar un ano máis á fronte destas experiencias, que favorecen o coñecemento do territorio e están pensadas para familias e afeccionados á natureza e espazos ao aire libre. O uso da máscara e manter a distancia social serán medidas de prevención obrigatorias.

A participación segue a ser de balde e os interesados deben inscribirse a través da oficina de Turismo, no correo electrónico mar.lopez@cedeira.gal ou mesmo a través do blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es. Tamén poden recadar máis información no teléfono 981 482 187 e na páxina web http://turismo.cedeira.gal.

  • Ruta das Praias Negras -con saídas programadas para os días 5, 11, 19 e 26 de xullo; 1, 9, 14, 22 e 30 de agosto e 5 e 11 de setembro- permite tomar contacto coa única praia de area negra non volcánica do planeta, así como cos cantís máis altos da Europa continental.
  • Ruta do Granate -as saídas serán o día 24 de xullo, 8 e 23 de agosto e 6 de setembro- discorre por un sendeiro de pescadores, duns 5 quilómetros, que existe entre o mosteiro de San Andrés de Teixido e enseada chamada das Cortes.
  • Ruta dos Cantís -cuxas saídas serán os días 4, 17 e 31 de xullo; 16 e 29 de agosto e 4 e 13 de setembro- ofrece ao visitante a posibilidade de contemplar unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 metros de altitude e rochas de hai millóns de anos.
  • Ruta do Cromo -con saídas previstas para os días 3, 12 e 18 de xullo; 2, 7, 15 e 28 de agosto, e 12 de setembro- trátase dunha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino.
  • Ruta do Litoral -que se poderá realizar os días 10 e 25 de xullo e o 21 de agosto- consiste nun paseo xeolóxico pola contorna do porto da vila de Cedeira e da praia urbana da Madalena e na que, ademais, se inclúe unha visita ao xacemento arquelóxico de Punta Sarridal.

O domingo será o dia da bici no Municipio de Cedeira

O Concello de Cedeira invita os/as veciños/as a sumarse ao Día da Bici, que será o domingo 5 de xullo.

A actividade dará comezo ás 11.00 horas desde a praza Roxa e transcurrirá polas rúas de Cedeira dunha duración aproximada dunha hora.
Haberá un paseo alternativo en bici de montaña dunha hora aproximada de duración para os/as máis ousados/as.

Ao remate realizarase un recoñecemento aos participantes de maior e menor idade inscritos na proba.

As persoas interesadas poden apuntarse o mesmo no lugar da saída, a partir das 10.30 horas.

Para poder participar nesta actividade é obrigatorio o uso de casco e máscara