Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

BRAIS DAS HORTAS OFRECERÁ ESTE SÁBADO NO PARQUE DO FLOREAL O SEU “CONSERTASSO”

Brais das Hortas visitará este sábado Cedeira co seu espectáculo “Consertasso na horta”. O parque do Floreal acollerá ás 20.00 horas este concerto dirixido a todos os públicos, a cargo dun artista polifacético que de seguro vai facer agromar as gargalladas de toda a famillia.

O espectáculo é un percorrido musical por diferentes estilos desde o punto de vista do universo que é a horta. Por alí pasan unha pulga punk, caracois aos que lles gusta o reggae, kiwis que bailan ska… un ecosistema musical diverso e saudable para facerlle pasar un rato divertido a toda a familia.

Brais das Hortas é músico, narrador oral e clown. Ademais de producir os seus propios espectáculos, colabora habitualmente con diferentes grupos musicais e outros artistas. O público infantil é a súa especialidade.

O CONCELLO DESTINA 34.500€ AOS CONVENIOS COAS ASOCIACIÓNS DE PAIS E NAIS, A BANDA DE MÚSICA E A CRINA

A Xunta de Goberno Local aprobou recentemente novos convenios nominativos de colaboración con outras catro asociacións da vila. A finalidade é contribuír a financiar as súas actividades e gastos de funcionamento, dado que o traballo de todas elas enriquecen a vida cultural e social da vila. As asociacións de nais e pais de alumnado do colexio e o instituto de Cedeira, así como a Asociación Cultural Banda de Música Vila de Cedeira e a asociación A Crina, todas elas entidades cunha longa traxectoria e moi arraigadas na localidade, son as destinatarias dos novos convenios.

No eido educativo, a ANPA do CEIP Nicolás do Río recibe 10.000€ e a ANPA O Beco, de pais e nais de alumnado do IES Punta Candieira obtén outro tanto. Ambas as dúas entidades son activas organizadoras de actividades extraescolares, que facilitan a conciliación da vida laboral e familiar, así como de outras en horario escolar en colaboración cos centrros educativos e mesmo propostas como a escola de pais que van dirixidas a facilitar modelos e pautas para mellorar o coidado e educación dos fillos e fillas.

Outro dos convenios é o da Asociación Cultural Banda de Música Vila de Cedeira, entidade á que o Concello destina 11.000€. A aportación vai para financiar ensaios e actuacións, a propia xestión da banda de música, a organización de eventos e actividades formativas. A Banda de Música Vila de Cedeira é un expoñente da fonda tradición musical da localidade e conta cunha longa traxectoria e recoñecemento en toda Galicia.

Por último, a asociación A Crina vai contar cun novo convenio dotado con 3.500€. A entidade promove actividades relacionadas co mundo do cabalo como rutas e concursos hípicos que potencian o interese turístico da Serra da Capelada.

Estes convenios súmanse aos que xa foron asinados no presente exercicio con Apader (10.000€), ABAC (12.000€), San André de Teixido (3.500€), a Confraría de Pescadores (12.000€), Protección Civil (18.000€), Cruz Vermella (3.800€), Sobre Rodas (6.000€), Asociación Mares (20.000€) e ARCE (5.500€), así como á aportación de 37.000€ que este ano destina o Concello á Asociación Escola de Música Vila de Cedeira -no marco do acordo, por catro anos de vixencia, asinado en 2020-. En total, 14 convenios que suman 153.300€ do orzamento municipal.

COMEZA A TEMPORADA ESTIVAL DE XEORRUTAS CON CATRO PERCORRIDOS DE VENRES A DOMINGO

En nada arranca o mes de xullo e con el un novo calendario de rutas xeolóxicas polo ámbito do proxecto de xeoparque, que nos permitirán ver de preto distintos episodios da formación do noso planeta. Desde este venres ata o domingo hai planificados catro percorridos nos que desde hai uns días poden facerse reservas. Son a Xeorruta da Praia das Areas Negras o venres pola mañá, a Xeorruta dos Cantís o sábado á tarde, a Xeorruta dos Cabos (novidade este verán) o domingo pola mañá e, pechando a fin de semana, a Xeorruta do Toelo, que se desenvolverá o domingo pola tarde. De momento hai prazas dispoñibles en todas elas e cómpre ter en conta que na aplicación de reservas é necesario seleccionar o mes de xullo para ver as datas e poder rexistrar e confirmar a petición. O prezo de cada itinerario -incluído seguro- son 9€, con posibilidade de cancelar e recuperar o importe ata 24 horas antes de cada ruta.

Venres 1 de xullo, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). 15 prazas. A temporada de verán estréase coa ruta habitualmente máis exitosa de todo o calendario, a pesar de ser tamén a máis dificultosa e a que require unha mellor forma física. O esforzo paga a pena, e moito, xa que o descenso a Teixidelo permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta.

Ademais, o seu emprazamento –aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar. Máis info e reservas aquí.

Sábado 2 de xullo, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). 20 prazas. O sábado á tarde temos un percorrido doado desde o miradoiro do Chao do Monte -preto de Santo André- para descubrirmos a Serra da Capelada, unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. No camiño observaranse distintos tipos de rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade, algo que podemos ver en varios lugares do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, exemplo único do denominado contexto xeolóxico do Oróxeno Varisco Ibérico. Máis info e reservas aquí.

Domingo 3 de xullo, 10:00 a 13:00h: Xeorruta dos Cabos (Concello de Valdoviño). 20 prazas. Esta é, xunto coa do Arsénico, unha das rutas novas do programa de verán do proxecto de xeoparque. Saíndo do miradoiro do Paraño farase un percorrido de baixa dificultade polo litoral no que veremos, entre outros fenómenos, o remate da Falla de Valdoviño que se estende ata Monforte de Lemos, ou rochas que hai millóns de anos formaban parte do leito dun antigo océano e que habitualmente non aparecen na superficie da Terra.

No paseo guiado polo xeólogo Francisco Canosa tamén descubriremos os restos dun vulcanismo explosivo testemuñado nos penedos da praia de Pantín. Canosa tamén explicará como se formou a lagoa e o sistema dunar da Frouxeira, un dos máis importantes do noroeste peninsular. Máis info e reservas aquí.

Domingo 3 de xullo, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Toelo (Concello de Moeche). 20 prazas. Facendo este percorrido poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, a serpentina ou toelo. Estas rocha, cunha fermosa cor verde -de aí o nome de serpentina-, foi obxecto de explotación dende o século XIX en canteiras do concello de Moeche e San Sadurniño. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval. Máis info e reservas aquí.