Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

PARTE DAS XEORRUTAS DESTA SEMANA CENTRARANSE NO PASADO MINEIRO DO TERRITORIO DO PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

A proposta de xeorrutas para esta semana prevé sete saídas de mércores a domingo que volven combinar litoral e interior para ofrecer unha visión o máis ampla posible da diversidade exclusividade xeolóxica do territorio candidato a Xeoparque UNESCO. Ademais cinco delas teñen unha importante compoñente histórica mostrándonos os vestixios da actividade mineira desenvolvida en distintos puntos desde finais do século XIX ata pasada a metade do século XX. É o caso, por exemplo, da extracción de materiais ricos en arsénico na zona da capela do Porto, en Valdoviño, das minas de cobre explotadas en Cerdido e Moeche (Mina Maruxa e Mina Piquito, principalmente) e incluso das prospeccións á procura de cromo e outros metais que se fixeron no borde dos cantís de Herbeira, en Cedeira. A elas únenselle a Xeorruta dos Aguillóns, en Cariño, e a clásica das Praias de area negra en Cedeira. Porén de todos os itinerarios organizados só quedan prazas dispoñibles en tres deles, polo que aconsellamos acudir á central de reservas nas horas previas por se se producisen cancelacións de última hora que deixasen libres algunhas vacantes.

Xoves 18 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta dos Aguillóns (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. As ecloxitas son rochas formadas en condicións de altas presións e temperaturas na parte máis próxima a nós do Manto terrestre e que, por este motivo, son difíciles de ver en superficie.

O percorrido consta de 3 paradas e o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. Ten unha dificultade media, debido á presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos, algo que é recomendable para todas as xeorrutas do programa de verán. Máis info e reservas aquí.

Xoves 18 de agosto de 16:30 a 20:30h e Sábado 20 de agosto de 10:00 a 14:00h: Xeorruta de Mina Piquito (Concello de Moeche). PRAZAS COMPLETAS. Neste itinerario accederemos ao antigo xacemento de cobre de Mina Piquito, en activo até finais dos anos 60. As galerías da mina constitúen hoxe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular, no que destacan as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza que se foron formando desde que se clausurou a explotación.

A entrada cada un dos días farase en dous grupos que no momento de redactar esta información xa estaban completos para ambas datas. Quen teña interese en facer o percorrido debe prestarlle atención á central de reservas por se houbese cancelacións de última hora (a dispoñibilidade actualízase automaticamente na web). Máis info e reservas aquí.

Venres 19 de agosto, 10:00h a 16:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). PRAZAS COMPLETAS. Esta ruta é das que máis atención atrae a pesar da súa dificultade. Non é para menos, xa que á espectacular paisaxe da zona úneselle o argumento de que os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo. O boca a boca e a difusión fixeron que nos meses centrais do verán sexa tarefa pouco menos que imposible reservar data para un itinerario que oferta un máximo de 15 prazas e que xa está completo tanto para este 19 de agosto como para o seguinte, o día 23. Igual que no caso anterior recomendamos visitar a central de reservas nos días previos por se houbese cancelacións e quedasen vacantes.

Sábado 20 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Partindo do Cruceiro de Teixidelo -preto de onde se encontra o monumento a Leslie Howard- iremos bordeando a costa até Herbeira. Unha zona espectacular polas vistas, pero tamén por ser paraíso das rochas ultramáficas e de materiais como a cromita, a magnetita, a morenosita, a zaratita ou a andradita.

No percorrido pararemos en puntos onde, ademais de minerais ricos en cromo, tamén se atoparon acumulacións de platino. A visita tamén permite apreciar unha falla que fende toda a Serra da Capelada. Máis info e reservas aquí.

Domingo 21 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Arsénico (Concello de Valdoviño). PRAZAS COMPLETAS. O percorrido do Arsénico pola costa de Meirás, en Valdoviño, atende a cuestións como as fallas, o vulcanismo, a formación da lagoa ou o sistema dunar da Frouxeira. Porén, un dos aspectos que se verán con máis detemento son as acumulacións de arsenopirita na contorna da capela do Porto e outros puntos do litoral, que foron explotadas na primeira metade do século XX. Da actividade mineira quedan vestixios en forma de galerías e socavóns que nos falan da penosa extracción dun material que tamén contiña en menor proporción metais coma o ouro ou a prata.

Esta ruta logo completou as 20 prazas ofertadas e, por este motivo, quen queira facela deberá probar a ver se ao longo desta semana queda libre algunha vacante.

Domingo 21 de agosto, 16:30 a 19:30h.: Xeorruta do Cobre (Concellos de Cerdido e Moeche). Máximo 20 prazas. A última xeorruta da semana que ten que ver co pasado mineiro do territorio levaranos aos concellos de Cerdido e Moeche. No primeiro visitaremos a cheminea de calcinación das Cabanas, construída a finais do século XIX como parte dun complexo extractivo de pirita e calcopirita con distintos contidos en cobre, resultado de longos procesos de sedimentación, transformación química e presión que tiveron a súa orixe hai millóns de anos en fumarolas e volcáns submarinos. De feito, a segunda parada do percorrido levaranos até a contorna de Mina Maruxa para vermos as bocaminas e os amoreamentos de entullos onde aínda se pode apreciar a simple vista a presenza de cobre.

Na segunda parte do itinerario -que se fai desprazándose en coche entre cada punto- verase unha curiosa formación de xistos -un tipo de rocha metamórfica xurdida de sedimentos sometidos a altas presións e temperaturas-, así como un cordal de cuarcitas que fende a paisaxe e que creou o pronunciado desnivel polo que discorre hoxe o rego do Loureiro.

Nese punto limítrofe entre Moeche e Cerdido hai un conxunto de sete muíños de alto valor etnográfico que tamén se visitarán e que destacan tanto polo seu aceptable estado de conservación como pola súa disposición, uns moi preto dos outros nun tramo de regato relativamente curto. Os muíños encóntranse, ademais, rodeados de castiñeiros, carballos, abeleiras, loureiros, fieitos e outros exemplos de bosque atlántico e de ribeira.

Os muíños fálannos dun pasado en que os labores do agro tiñan moito de traballo comunitario, sobre todo a sega do trigo e a malla para sacar o gran. Neste sentido, e ese mesmo día, no lugar dos Casás celebrarase durante a xornada a tradicional malla que reproduce o xeito en que se facía o labor a mediados do século XX, con máquina de polea, limpadora e ducias de persoas implicadas en cada parte do proceso.

Para participar na Xeorruta do Cobre, que aínda ten prazas dispoñibles, hai que reservar nesta ligazón.

 

A BANDA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA OFRECERÁ HOXE O PREGÓN DAS FESTAS NA PRAZA DO CONCELLO

O público encheu onte as cadeiras e seguiu de pé o concerto do festival Jazz de Ría en Cedeira, nunha noite musical a cargo de David Regueiro Trío+Alexandre Cavaliere na que se creou un ambiente espectacular. Foi un comezo por todo o alto para o programa das festas de verán, que hoxe venres terán o seu pregón a cargo da Banda de Música. Un ano máis, o Concello confiou a unha entidade local o pistoletazo de saída do programa, desta volta a unha formación que é todo un emblema da profunda tradición musical que existe na localidade.

Ás 20.00 horas, na praza do Concello tomarán a palabra Sofía García, que ademais de intérprete é a presidenta da Banda de Música Vila de Cedeira, e outros tres compoñentes do grupo. O “cuarteto” ofrecerá un pregón no que falarán da súa formación como un espello do que é tamén Cedeira: un espazo no que crecer, no que se encontrar, ao que regresar…

Tras a lectura do pregón, ás 20.30 horas, lanzarase o “chupinazo” que marca o oficial inicio das festas e a Banda de Gaitas de Buxainas fará un pasarrúas saíndo da praza do Concello e percorrendo a avenida da Mariña e a rúa Ponte Nova para chegar á Praza Roxa.

Porén, o programa de hoxe comezará antes, coa Carreira Popular. É unha proba non competitiva e aberta a todas as idades, cun percorrido polas rúas do centro da localidade. A saída tomarase ás 18.30 horas desde a Praza Roxa e desde as 17.30 estará aberta a inscrición, de balde, na sala Áncora. A teor do que tradicionalmente sucedeu outros anos nesta proba, un clásico no programa de festas de Cedeira, parte das persoas participantes irán disfrazadas para darlle un toque de humor á carreira.

A xornada rematará co Entroido de Verán, a partir das 22.00 horas na Praza Roxa. O evento, que adoita ter moito éxito, estará amenizado por Disco Móbil e incluirá unha festa da escuma.

De mañá sábado ao luns

Mañá sábado será de novo unha xornada con deporte e troula na vila de Cedeira. Ás 12.30 h haberá un pasarrúas con AC Espadana e Gaiteiros e danzas con cabezudos. Ás 17.00 h terá lugar a Travesía a Nado de Cedeira, unha proba que chega este ano á súa vixésimo cuarta edición. A praza do Floreal acollerá a partir das 20.00 horas o espectáculo de circo “Só”, con Xampatito Pato, que está dirixido ao público familiar. Para rematar a xornada, a Praza Roxa acollerá a partir das 22.30 h o primeiro concerto do Certame de Grupos Locais. Catro Cores, P-Rayada e Ardecasas actuarán na primeira das dúas noites consecutivas adicadas a amosar a calidade e variedade das formacións musicais de Cedeira.

O programa do domingo, día 14, comezará cun pasarrúas ás 13.30 h e posterior concerto na Praza Roxa a cargo da Banda de Gaitas de Narón. O Paseo da Mariña e a praia da Madalena acollerán, a partir das 17.30 horas, os Xogos Populares, con carreiras de sacos, cucaña, carreiras de ovos, tirada de corda e regata de chalanas. Para participar nesta cita xa clásica nas festas de verán hai que ter 15 anos cumpridos e as persoas menores de idade deberán presentar unha autorización por escrito da nai, pai ou tutor legal –segundo o modelo colgado na web do Concello-. A inscrición, de balde, realizarase no mesmo lugar desde unha hora antes do comezo das probas.

Tamén o domingo pola tarde noite haberá ambientación musical. Un pasarrúas da Fanfarria Furruxa, a partir das 20.30 h, será o limiar da segunda cita do Certame de Grupos Locais. La Banda del Muelle, los Eternos e Os Benignos sucederanse no escenario.

O festivo do luns será outro día intenso nas festas de Cedeira. Ás doce do mediodía celebrarase a misa e posterior procesión polas rúas do casco urbano, acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. Ás 20.00 horas na Praza Roxa chegará a quenda dunha nota cita para o público pequeno. A compañía Kanbahiota Troup ofrecerá o espectáculo “Volando…vengo”, con acrobacias e moito humor. O artista de San André de Teixido O Chylava ofrecerá un concerto a partir das 22.15 h na Praza Roxa, ao que seguirá unha sesión de fogos artificiais. Para rematar a noite, o grupo Claxxon tocará grandes grandes temas do pop e o rock a partir das 00.30 h.

O Concello de Cedeira está a informar puntualmente a través das súas redes sociais e do seu canle de mensaxería “Cedeira Informa” sobre o horario de lanzamento de foguetes, para advertir as persoas con alta sensibilidade acústica. Tal como se informou recementemente, durante as festas, que se prolongarán ata o 17, se está a respectar o horario inclusivo de seis a oito da tarde, tempo no que se apaga o son de atraccións e postos de venda.

A EXPOSICIÓN DEDICADA AOS OFICIOS DO MAR E ÁS SÚAS XENTES PODERÁ VISITARSE DURANTE AS FESTAS

Hoxe xoves dá comezo o programa de actividades para a celebración das festas da vila. Sete días cargados de festividade nos que poder gozar de alternativas para todos os públicos. Entre estas, estará dispoñible de novo a exposición itinerante dedicada á actividade no mar que forma parte do proxecto Cedeira Mar.

A exposición – que se instalou na praza da Marieta a fin de semana pasada – estará dispoñible nesta localización durante todo o transcurso das festas patronais. Composta por 8 grandes paneis didácticos amosa unha pequena parte do traballo que realizan as xentes do mar, tratando de poñer en valor estes oficios tradicionais que dan identidade á vila. Ademais, móstranse algúns dos enclaves máis destacados do litoral de Cedeira e resáltanse valores tan importantes como a sostibilidade e o respecto polo medio, a través do testemuño dalgunhas das persoas que mellor coñecen o entorno. Co fin de facilitar a accesibilidade, en cada un dos paneis está dispoñible, por medio dun código QR, unha audioguía en tres idiomas: galego, español e inglés.

Para a elaboración desta exposición foi imprescindible a colaboración das xentes da vila. Persoas como Tomás, Magdalena, Lorenzo ou Marta (entre outras moitas) fixeron visible unha pequena parte dos seus oficios e o seu desempeño, tan importantes para o desenvolvemento do litoral.

Esta exposición forma parte das accións recollidas no proxecto denominado como “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira e dos seus espazos extractivos no litoral de Cedeira. Cedeira Mar”. Un proxecto impulsado polo Concello de Cedeira que traballa na posta en valor e visibilidade da actividade extractiva no litoral e a súa contorna, mediante accións de concienciación orientadas a todos os públicos.

O proxecto conta co apoio económico do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria extraordinaria de 2021. Ademais da actividade expositiva, dentro do programa leváronse a cabo obradoiros de sensibilización dirixidos aos escolares da vila e rutas polo litoral abertas á poboación xeral.