Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

APERTURA DE PRAZO PARA PROPOSTA DE CURSOS NA ÁREA DE CULTURA 2022/23

Coa finalidade de organizar dende a Concellería de Cultura a oferta formativa para o periodo de outubro/maio dos anos 2022/23 , ábrese prazo no período comprendido entre os día 19 e 22 de setembro, ambos inclusive, mediante a publicación do presente anuncio na páxina web municipal, para que as persoas ou entidades interesadas en ofertar cursos relacionados coa área de Cultura a través do Concello ao longo deste periodo presenten as súas propostas no rexistro xeral do concello ou a través da sede electrónica.

Ditas propostas deberán indicar:

• Nome do curso:
• Breve curriculum da persoa que impartirá o curso:
• Obxectivos: Destrezas que poderá adquirir o alumnado ao longo do curso.
• Contidos: Temas a tratar.
• Temporalización: Número de sesións totais e distribución temporal en sesións por semana e número de semanas.
• Ratio: Nº de persoas por grupo. Nº de grupos aos que se pode atender.
• Espazo: Descripción do espazo necesario para o desenvolvemento do curso.
• Material necesario para a participación do curso, indicando se vai ser aportado polo profesorado ou o debe adquirir o alumnado.
• Orzamento total.
• Sinatura e dni do interesado.

Haberá un prazo de prematrícula para decidir os cursos que se van impartir.

Os cursos tomarán como referencia o calendario escolar.

As persoas nadas no ano 2010 e anteriores que desexen matricularse deberán facelo nas oficinas municipais ou oficina de turismo e pagar as tasas municipais establecidas.

Os casos exentos de pago deberán presentar a documentación oportuna no momento da matrícula.

O Concello fará pública a listaxe de posibles cursos e unha vez realizadas as preinscricións fará públicos os cursos finalmente ofertados.

XORNADAS EMPRENDEPESCA, PROXECTO DE EMPRENDEMENTO NO SECTOR DO MAR NOS CONCELLOS DE CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO

A finais do mes de setembro e principios de outubro celébranse unhas xornadas informativas do proxecto Emprendepesca nas que se pretende achegar á poboación o potencial e oportunidades de emprendemento que ten o territorio dos concellos de Cedeira, Cariño e Valdoviño dentro do sector do mar.

Nestas xornadas ofrecerase información á poboación sobre as posibles oportunidades de negocio que ofrece o sector, fundamentalmente no ámbito da transformación, e no ámbito da diversificación. A través da presentación de datos socieconómicos e das oportunidades de negocio que teñen cabida no territorio, preténdese dar un impulso as mentes emprendedoras no sector.

No mes de setembro e as 17 horas celebrarse a primeira xornada nos tres concellos Emprendepesca os seguintes días:

· Cedeira día 20 de setembro no Auditorio Municipal

· Cariño día 21 de setembro no Auditorio Municipal

· Valdoviño día 22 de setembro na Casa da Cultura.

Xornadas nas que toda a poboación está invitada, e poderá informarse sobre ideas de negocio de éxito noutros lugares costeiros de Galicia, e que polas súas características representan unha boa práctica para o territorio Emprendepesca.

E no mes de outubro e tamén as 17 horas terá lugar a segunda e última xornada Emprendepesca:

· Cedeira día 4 de outubro no Auditorio Municipal

· Cariño día 5 de outubro no Auditorio Municipal

· Valdoviño día 6 de outubro na Casa da Cultura.

Esta segunda xornada está dedicada a aquelas oportunidades de negocio para o territorio e que están relacionadas fundamentalmente coa transformación do sector e a súa diversificación.

Para aquelas persoas que teñen en mente unha idea emprendedora ou nova liña de negocio relacionada co sector do mar, abriuse en setembro e ata finais de outubro, un servizo de asesoramento adaptado e individualizado que ofrece a axuda necesaria tanto para un asesoramento completo como para consultas puntuais.

Emprendepesca ven liderado polos Concellos de Cedeira, Cariño e Valdoviño, que apoian a transformación e diversificación do sector do mar e o nacemento de novas empresas ou novas liñas de negocio que fagan medrar o sector do mar e polo tanto do territorio.

Para saber mais sobre Emprendepesca se pode consultar a súa páxina web emprendepesca.gal ou as súas redes sociais de Facebook @emprendepesca20212022 e Instagram @emprendepesca. Ou ben poñerse en contacto a través de correo electrónico emprendepesca21@gmail ou no teléfono 664 538 215.

Emprendepesca conta coa colaboración de cinco entidades clave neste territorio, e que son as Confrarías de Pescadores de Cedeira e de Cariño, a Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, as Asociacións de Percebeiros de Cariño e de Meirás.

O CONTACONTOS CELSO SANMARTÍN AMENIZARÁ O SOLPOR ESTE SÁBADO NA PARROQUIA DE SAN ROMÁN

O ciclo Cantos e Contos ao Solpor que o Concello de Cedeira organiza cada ano no mes de setembro viaxa esta fin de semana á parroquia de San Román. O local da asociación veciñal será o escenario da actuación do poeta e contacontos Celso Sanmartín, que ofrecerá ao público historias da tradición oral galega para amenizar a caída do sol. A cita comezará ás 20.00 horas.

Xunto coa cita en San Román, o Concello promove para o domingo a última das rutas do programa “Descobre Cedeira” que comezou a mediados de xullo e abrangueu 18 percorridos guiados por diferentes lugares de interese do municipio. Desta volta será a quenda da “Ruta dos Tesouros”, un percorrido doado e ao alcance da maioría das persoas, que vai polo paseo ata o faro de Robaleira. As persoas interesadas poden inscribirse de xeito gratuíto na Oficina de Turismo, ou ben chamar por teléfono ao 981 482 187 ou enviar un mail á dirección mar.lopez@turismo.gal.