Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A BANDA DE MÚSICA DE CEDEIRA REPASARÁ A SÚA HISTORIA ESTE SÁBADO NO CONCERTO DE SANTA ICÍA

A Banda de Música Vila de Cedeira vai ofrecer este sábado o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha ocasión para gozar da calidade desta senlleira formación que encarna á perfección a grande afección pola música que existe na localidade. A formación anunciou que a cita será un repaso da súa historia, polo que ten invitado a participar a todas as persoas que tocaron nela nos seus máis de trinta anos de traxectoria. A cita, de entrada gratuíta, será ás 20.00h no Auditorio Municipal.
A Banda Vila de de Cedeira ofrecerá, como adoita facer neste tipo de ocasións, un repertorio excepcionalmente variado, cos máis clásicos pasodobles ou as populares muñeiras xunto con grandes éxitos do rock.

O domingo, día 19, chega unha nova proxección do ciclo Mestre Mateo. “María Casares, a muller que viviu mil vidas” pasarase no Auditorio Municipal, ás 19.00 horas e con entrada de balde. A cinta gañou o premio ao mellor documental no certame do cine en galego. Xavier Villaverde dirixe este trabalo, no que se fai unha aproximación íntima e profunda á vida dunha muller extraordinaria e unha figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX.

A CANTORA GALEGO-BELGA VERÓNICA CODESAL LEVA A CEDEIRA ESTE VENRES O SEU NOVO DISCO “100 VOLTAS”

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este venres, 10 de novembro, un concerto da xira de presentación do disco “100 voltas” de Verónica Codesal. A líder do grupo Ialma, que acadou sona internacional coa súa participación e segundo posto no festival de Eurovisión no ano 2003, propón neste disco unha viaxe á esencia da cultura e a tradición galegas baixo o foco da contemporaneidade. O concerto, de entrada gratuída, será ás 21.30h e forma parte do ciclo Outono Cultural da Deputación da Coruña. É preciso reservar a entrada antes das 14.00 horas do xoves, a través do whatsapp no número 649876614.

A pandereteira e cantante Verónica Codesal comparte esta nova aventura musical con dous instrumentistas portentosos que a teñen acompañado xa en moitas ocasións: Didier Laloy, ao acordeón diatónico, e Damiel Chienci ao violín. En “100 voltas”, Verónica Codesal mistura textos tradicionais, letras propias e tamén versos de poetas contemporáneas como son Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Rosalía Fernández Rial e Brais Fernandez. É un proxecto en feminino, no que cobran protagonismo as historias de mulleres, e incorpora, coincidindo co vinte aniversario do seu paso por Eurovisión co grupo Urban Trad, unha nova versión do tema “Sanomí”, co que Bélxica acadou aquel celebrado segundo posto.

Verónida Codesal, filla de emigrantes galegos en Bélxica, é unha activista da cultura e a lingua galegas. Entre 2002 e 2012, e desde 2015 ata hoxe é cantora do grupo Urban Trad, posto que comparte con Soetkin Collier. Forma parte tamén de diferentes proxectos municipais: Camaxe, Ialma, Vivas Niñas, e é profesora de danza galega no grupo Foliada. Participa tamén das actividades do Muziekpublique, un organismo de Bruxelas que traballa na promoción da música e baile tradicionais de todo o mundo.

Espectáculo de rock e maxia e pase dunha nova cita do ciclo Mestre Mateo

Xunto con este evento musical, a axenda cultural de Cedeira desta fin de semana abrangue tamén un orixinal espectáculo de maxia e rock. “Rock ‘n’ magia” é o título da función que, baixo a dirección de Fran Rei, mistura a actuación do Mago Teto con grandes temas de Led Zepellin, Dylan, Los Suaves e moitos outros, interpretados por Fer Risco á batería e Mon Orencio á guitarra. A función, dirixida a un público familiar, será o sábado ás 20.00 horas. O prezo da entrada será de 2,5€.

Continúa tamén ten un forte compoñente musical a proposta cultural do domingo. O Auditorio acollerá ese día, ás 19.00 horas, un novo pase do ciclo de cine en galego “Mestre Mateo”. Neste caso, proxectarase o documental “No somos nada”, que trata sobre a historia da lexendaria banda vasca La Polla Records. A cinta rememora a súa traxectoria a partir da rolda de prensa na que Evaristo Páramos, o seu carismático vocalista, anuncia o regreso aos escenarios do grupo despois de anos de silencio. A película foi finalista nos premios Mestre Mateo na categoría de mellor documental. A entrada será de balde.

OITO ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS DE CEDEIRA SERVIRÁN DO VENRES AO DOMINGO AS SÚAS “TAPAS DE OUTONO”

Oito establecementos hostaleiros de Cedeira van concentrar o mellor da súa cociña nos petiscos do certame Tapas de Outono, que se desenvolverá do venres 3 ao domingo 5 e que, un ano máis, organiza o Concello para dinamizar o sector e poñer en valor o seu bo facer. As tapas incorporarán necesariamente, tal e como establecen as bases, ingredientes propios deste tempo e serviranse a 2,5€.

Gastrobar O Amanexo, O Mesón, Taberna Praza do Peixe, Galifornia, O Mástil, a Taberna do Jojó, Pizzería Sheriff e Cervexaría O Xermolo son os negocios que participan este ano no certame. As tapas serviranse na noite do venres, nos servizos de xantar e cea do sábado e o domingo ao mediodía.

O público que probe os petiscos exercerá de xurado, adxudicando nunha tarxeta que entregarán os locais tres, dous e un punto as tres tapas que máis lle agraden. Porén, terán que probar como mínimo cinco, e ter os correspondentes selos dos establecementos, para poder emitir o voto e participar no sorteo dunha cea para dúas persoas no establecemento gañador.

As bases establecen que os petiscos deberán empregar alomenos dous destes catro ingredientes: cabaza, cabaciña, castaña e setas. Gañará o local que sume máis puntos, ou que obtivera máis votos de tres puntos en caso de empate. Desde o Concello de Cedeira recoméndase probar as oito tapas, ainda que cada persoa poderá participar na votación cunha única tarxeta.