Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO “FUSA GUILLÉN”

Nesta primeira edición do Certame de teatro afeccionado ‘Fusa Guillén’ presentáronse cinco obras das cales foron seleccionadas ‘Fatum’ do Catre Teatro que poderemos ver o domingo 9 de outubro ás 19.00 h, ‘A pena do cu do mundo’ de Carrachanacacha o sábado 15 de outubro ás 20.00 h e ‘Unha obra para un barrio’ da ASC Muíño do Vento o sábado 22 de outubro ás 20.00 h.

As tres obras se representarán no Auditorio Municipal, están recomendadas para público adulto e a entrada é libre até completar o espazo.

Desde o Concello de Cedeira queremos dar as grazas a todas as compañías que se sumaron a participar nesta edición e animar ás compañías de teatro afeccionado de calquera lugar de Galicia a participar en vindeiras edicións.

UN ORIXINAL ESPECTÁCULO CON AREA E LUZ PECHA MAÑÁ O CICLO CANTOS E CONTOS AO SOLPOR

O Auditorio Municipal acollerá mañá sábado a última cita do ciclo Cantos e Contos ao Solpor, co que a vila de Cedeira adoita despedir cada ano o verán e entrar no outono. “Con area. Cousasdebuxo” é o título do inclasificable espectáculo que Marcos Escudero ofrece con area e luz, fusionando técnicas de sombras chinas, cómic, animación ou narración. A cita é as 20.00 horas.

O público familiar é o destinatario da función, na que Marcos Escudero vai contando historias e ilustrándoas a través dos debuxos que fai con area sobre o cristal dunha caixa de luz, mentres unha cámara recolle a sucesión de debuxos, que se proxectan nunha pantalla. A fusión de técnicas empregadas no espectáculo denomínase “sand painting” ou “sand drawing”.

Marcos Escudero, natural de Mos, é un artista polifacético adicado principalmente á escultura en pedra, pero que cultiva tamén moitas outras disciplinas entre as que están a ilustración e as tiras cómicas. Desde hai anos desenvolve tamén este orixinal espectáculo con area e luz, que atrapa ao público pola sorprendente forma en que os movementos do artista transforman os debuxos.

Festas de San Cosme en Piñeiro

Por outra banda, a parroquia cedeiresa de Piñeiro celebra esta fin de semana as festas patronais de San Cosme. O programa de actos comeza mañá sábado, ás 13.00 horas, coa misa solemne e posterior procesión acompañada pola banda Buxainas. Ao mediodía haberá unha sesión vermú amenizada polo grupo Amazonas e unha gran churrascada. Durante o resto da tarde actuarán os grupos Jaque e Nuevo Plan, e xa pola noite, ás 22.00 horas, tocarán Los Mezcales de San Antonio, de novo o grupo Amazonas e a orquestra Triunfo. Ás doce da noite lanzaranse fogos artificiais.

Ao día seguinte, o domingo, celebrarase de novo unha misa ás 13.00 horas, e posterior procesión que irá acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. O dúo Karamba amenizará a sesión vermú.

AS RUTAS QUE TRASLADAN AOS SEUS VISITANTES A MEMORIA DO LITORAL CEDEIRENSE

O proxecto Cedeira Mariñeira ten como finalidade principal valorizar o labor e a memoria pesqueira e marisqueira a través da creación de dúas rutas nas que se resalten as infraestruturas, enclaves e colectivos que protagonizan a actividade no mar. Así, na elaboración destas rutas tematizadas para promocionar o patrimonio mariñeiro material e inmaterial, leváronse a cabo labores de recollida de datos por varias vías.

Por unha parte, fíxose un estudo das zonas potenciais polas que poderían discorrer as rutas, para valorar o seu estado, a súa adaptabilidade e a viabilidade do percorrido. Deste xeito puidéronse marcar os tracks que compoñerán estes itinerarios que se poderán realizar tanto a pé como en BTT. Por outra parte, realizouse unha recollida de información a partir de entrevistas a algúns dos colectivos profesionais claves no territorio. Así púidose coñecer máis sobre a historia e os oficios que caracterizan o litoral e elaborar o relato que conformará as rutas.

Unha vez feita a documentación previa e traballado o territorio, realizouse o deseño das rutas e dos contidos informativos que as acompañarán. O resultado son dúas alternativas circulares nas que se traballan dúas partes moi importantes do municipio. Unha ruta urbana de baixa dificultade (duns 6km) na que se repasa a historia mariñeira da vila, pasada e presente, a través de puntos clave como o porto, a lonxa ou o casco histórico. Tamén, unha ruta litoral na que desprazarse polas panorámicas da contorna da serra da Capelada que reflicten outra gran parte dos oficios e a actividade no mar. Esta última presenta dúas versións, unha máis curta (algo máis de 7km) na que ir bordeando toda a serra e unha versión máis longa (9,5km), na que podes baixar ata o núcleo de Santo André de Teixido antes de volver ao punto inicial.

Ambas rutas contarán cun perfil en Wikiloc no que estarán dispoñibles os datos máis relevantes para a súa realización: lonxitude, duración aproximada do percorrido, nivel de dificultade, desniveis, altitude e información sobre os puntos máis relevantes que se visitarán, así como fotografías destes enclaves. Ademais, estes itinerarios subiranse á web de turismo municipal, na que se atoparán os enlaces ao perfil en Wikiloc, a información sobre os puntos que se visitan na ruta, audios en tres idiomas (galego, español e inglés) que farán máis accesibles os contidos e dúas videotestemuñas protagonizadas por dous dos colectivos profesionais do mar explicando os seus oficios. O proxecto denominado como “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do concello de Cedeira. CEDEIRA MARIÑEIRA” está impulsado polo Concello de Cedeira e conta co respaldo do GALP A Mariña-Ortegal e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).