Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O CONCELLO INVISTE 7.000€ NA MELLORA DO MOBILIARIO DA BIBLIOTECA MUNICIPAL LÓPEZ CORTÓN

O Concello de Cedeira vén de mellorar o equipamento da biblioteca municipal López Cortón. Concretamente, investíronse 7.011€ na compra de diferente mobiliario para a sala de lectura e o espazo infantil. Desde o goberno local recórdase que no anterior mandato se levara a cabo unha importante actuación para a ampliación e modernización da biblioteca e que no pasado ano 2020 se acometera o cambio do solo de madeira e o mobiliario da sala de lectura na parte máis antiga. O alcalde, Pablo Diego Moreda, explicou que “esta nova actuación resposta á vontade de ir mellorando o servizo, moi demandado e moi utilizado pola veciñanza”.

Concretamente, subministrouse unha estantería de melamina, butacas, mesas, cadeiras de diferentes alturas, puffs e un mostrador. Estes elementos están repartidos xa entre a sala infantil e a de lectura, coa finalidade de facer máis confortables estes espazos para as persoas usuarias.

Cómpre recordar que o investimento nas obras de ampliación superou os 200.000€. Aquela actuación consistiu a adecuación dun edificio anexo para sumalo á biblioteca, así como na mellora da accesibilidade coa instalación dun ascensor, da iluminación, o illamento acústico e outros equipamentos. Foi un proxecto ambicioso que culminou coa pintura dun mural adicado a Rosalía de Castro nun lateral do edificio, unha obra que se ten convertido xa nunha icona do casco antigo cedeirés.

Máis recentemente, no 2020, o Concello destinou uns 8.000€ ao cambio das madeiras do chan e o mobiliario da sala máis antiga da biblioteca. Ademais, este ano con motivo do 8M foi inaugurado un Punto Lila no que se concentran as lecturas relacionadas co feminismo, tanto para o público adulto como infantil.

O CONCELLO REPARTE 36.000€ EN AXUDAS ENTRE UNHA DUCIA DE ASOCIACIÓNS LOCAIS NO EIDO SOCIOCULTURAL

A Xunta de Goberno de Cedeira vén de aprobar a concesión das axudas para asociacións socioculturais do municipio, por un valor total de 36.000€. Como en anos anteriores, a convocatoria resolveuse polo sistema de concorrencia competitiva, segundo criterios obxectivos, e os fondos repártense entre o capítulo de actividades, dotado con 30.000€, e o de investimentos, cos 6.000€ restantes. Unha ducia de entidades obteñen subvención este ano e nove delas fano nas dúas categorías.

Segundo comentou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, este ano o número de entidades que concurriron á convocatoria foi maior que o pasado, o que confirma a definitiva recuperación e volta á normalidade do tecido asociativo da localidade. O rexedor celebrou a vitalidade que teñen as asociacións locais e a súa variedade, que se pode comprobar na mesma resolución.

Así, as axudas para realización de actividades repartíronse entre as asociacións Acordeóns de Cedeira (3.056,31€), a Sociedade Artística Eixil (2.961,54€), as asociacións veciñais de San Román (2.748,31€), Cervo Tarroiba (2.250,77€) e San Xulián de Montoxo (1.563,23€), a asociación Patchwork (2.606,15€), a Asociación Mulleres da Vila de Cedeira (2.985,23€), Buxainas (2.914,51€), Aturuxeiras (2.394€), a Rondalla de Cedeira (2.795,69€), a asociación Discalzos polo Festival (2.724,62€) e a Asociación de Maiores (1.000€).

As axudas para investimentos, dotadas cun total de 6.000€, foron para a Asociación de Acordeóns (743,52€), Eixil (720,46€), as asociacións veciñais de San Román (668,59€), Cervo Tarroiba (547,55€ ) e San Xulián de Montoxo (587,90€), Mulleres da Vila (726,22€), Buxainas (708,93€), Aturuxeiras (634,01€) e Discalzos (662,82€).

PROMOCIÓN RECEITAS PESCA DE COSTA COA HOSTALERÍA DE CEDEIRA

O proxecto CEDEIXURA, actuación conxunta na que participa a CONFRARÍA DE PESCADORES DE CEDEIRA e o CONCELLO DE CEDEIRA, promocionan a través da MARCA PESCA DE COSTA a pesca artesanal e sustentable.

Dentro deste proxecto e como o ano pasado, celébranse do 7 ao 12 de outubro a promoción da hostalería de Cedeira “Receitas Pesca de Costa” na que se invita a visitar os establecementos de hostalería da vila e a desfrutar das propostas culinarias elaboradas con peixe e marisco da costa. Algunha destas propostas pódense ver no canal de Youtube da Confraría de Pescadores de Cedeira.

Con esta actuación quérese dar visibilidade a calidade diferencial e ao valor nutricional das diferentes especies que son capturadas no día na costa de Cedeira.

Esta é a última actuación que se desenvolve dentro do proxecto CEDEIRURA e tanto o Concello de Cedeira como a Confraría de Pescadores de Cedeira, esperan que estas xornadas sirvan para poñer en valor todos os produtos da pesca de baixura e do marisqueo propio da vila cedeiresa.