Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

NOVE ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS DE CEDEIRA PARTICIPAN NO III CONCURSO DE TAPAS DE OUTONO

Nove establecementos hostaleiros de Cedeira participan no Certame de Tapas de Outono, no que se servirán petiscos elaborados sobre a base dalgún ingrediente de tempada, como por exemplo castañas, cabazas ou cogomelos. O Concello organiza esta terceira edición deste concurso, orientado un ano máis a exaltar a gastronomía local e a animar e dinamizar o sector hostaleiro da vila.

O prezo das tapas será de 2€ e as persoas que degusten alomenos cinco delas poderán votar e participar no sorteo dunha cea. O concurso desenvolverase durante a vindeira fin de semana, desde as 20.30 horas do venres día 11 ata as 16.00 horas do domingo 13.

O restaurante Brisa, a taberna Praza do Peixe, a tenda-bar Garzález, a pizzería Sheriff, o gastrobar O Amanexo, a taberna A Xunqueira, a cervexaría La Central, O Mesón e o bar O Mástil. Nas bases establécese que todos os establecementos deberán participar cunha tapa feita expresamente para o concurso.

O público será o encargado de valorar as tapas. Nos establecementos repartiranse ás persoas que consuman estes petiscos as papeletas, nas que haberá cinco espazos para cubrir co selo de cada local. Para que a papeleta sexa válida terá que ter o cuño de cinco establecementos diferentes, e a persoa que emita o voto deberá votar cada unha das tapas cunha puntuación de entre 1 e 5.

Desde o Concello anímase ao público a acudir e degustar todas as tapas, aínda que so poderán puntuar cinco delas. Quen vote optará ao sorteo dunha cea para dúas persoas no local gañador do concurso.

MOREDA ASISTE ESTES DÍAS EN LLEIDA A UNHAS XORNADAS DO FORO ESPAÑOLA DE XEOPARQUES DA UNESCO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participa estes días en calidade de vicepresidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO) nas VII Xornadas Abertas do Foro Español de Xeoparques da Unesco que se están a desenvolver na localide de Tremp, en Lleida. O Geoparc Orígens é o anfitrión desta cita, na que tanto Moreda como o presidente da entidade supramunicipal, José Miguel Alonso Pumar, manteñen diferentes xuntanzas para impulsar o traballo en rede e o intercambio de información.

A participación nestas xornadas encádrase no traballo da asociación de xestión do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, xa que un dos criterios para obter o distintivo da Unesco é que os aspirantes estean xa funcionando como xeoparques mesmo antes de propoñer a súa candidatura. Nestes días están a desenvolverse en Tremp diferentes visitas, ponencias e debates centrados na conservación e interpretación do patrimonio xeolóxico e no papel que representan os xeoparques como dinamizadores da sostenibilidade.

O CONCELLO DISTRIBUE ENTRE A CIDADANÍA UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN INFORMATIVO AS7PARROQUIAS

O goberno local de Cedeira reparte estes días entre a veciñanza o boletín informativo As7Parroquias, que chega ao seu número 22. A publicación dá conta do traballo do Concello nos últimos meses, destacando o balance da campaña de turismo deste verán. A revalorización do atractivo da vila para as persoas que a visitan grazas entre outras cousas á recuperación das cetarias do Sarridal, a posta en marcha da vía ferrata, ou a reapertura do Castelo da Concepción, xunto coa alta afluencia que tiveron as festas e o resto das actividades confirmaron unha volta á normalidade de antes da pandemia.

No boletín infórmase do balance dos proxectos acollidos ao programa do GALP A MariñaOrtegal na localidade. Foron máis de 800.000 euros investidos en diferentes iniciativas dirixidas a poñer en valor a economía e a cultura ligadas á pesca e o marisqueo en Cedeira. A localidade distinguiuse no último plan de actuación plurianual do GALP como unha das máis dinámicas no desenvolvemento de accións e o Concello participa xa na definición do novo plan que estará vixente ata o 2027.

As7Parroquias dá conta tamén do avance nas escavacións no xacemento do Sarridal, da adxudicación de axudas ao tecido asociativo no eido deportivo e no sociocultural, da licitación da ambiciosa renovación do pavimento do polideportivo municipal e, entre outras cousas, a compra de libros para a escola infantil da Galiña Azul. O boletín trata tamén sobre o recorte de profesorado no IES Punta Candieira e do rexeitamento que esta medida xerou entre a cidadanía e no Concello, así como do ninguneo da Consellería de Educación á petición dunha entrevista urxente que foi unanimemente solicitada pola corporación municipal.

A contraportada do boletín está adicada á Escola de Música Vila de Cedeira, que cumpre dez anos con gran vitalidade.

Pódese descargar o Boletín na seguinte ligazón:

VER PDF Boletín as 7 parroquias nº22