Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A praza da Marieta acolle unha exposición sobre nutrición, obesidade e saúde

A PRAZA DA MARIETA ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN SOBRE NUTRICIÓN, OBESIDADE
E SAÚDE

O espazo antes ocupado por unha mostra que animaba ao un consumo responsable é o mesmo no que agora se atopa outra sobre nutrición, obesidade e saúde, tamén organizada pola Concellería de Medio Ambiente.

A antiga oficina de Turismo, situada na praza da Marieta, acolle desde esta semana unha exposición na que a través de 12 láminas e os correspondentes comentarios se aborda esta problemática, “unha auténtica praga do século XXI, desde o embarazo ata a adolescencia, pasando pola lactancia e as etapas de preescolar e infantil”, segundo o concelleiro responsable de dita área, Camilo Casal.

Na mostra coméntase a necesidade urxente de evitar que un de cada tres nenos/as teña sobrepeso ou sexa obeso, coas consecuencias moi negativas que terá cando sexa adulto, tales como diabetes, trastornos cardiovasculares, hipertensión arterial, entre outras posibles doenzas. Faise tamén fincapé en como evitar os malos hábitos, nas técnicas culinarias e as racións de cada alimento recomendables para as distintas idades.

Dado o interese que a mostra ten para o conxunto da poboación de Cedeira, desde a Concellería de Medio Ambiente anímase a veciñanza a visitala durante os próximos días. Estará aberta un mes.

Suspéndese o festival de coplas de Entroido, ante a falta de participantes. Continúan o resto de actividades

SUSPÉNDESE O FESTIVAL DE COPLAS DE ENTROIDO, ANTE A FALTA DE PARTICIPANTES. CONTINÚAN O RESTO DE ACTIVIDADES

Logo desta primeira convocatoria do Festival de coplas de entroido de Cedeira, e ante a falta de participantes (3 inscricións en data límite) este ano tomamos a decisión de suspender esta nova actividade sen perder a ilusión e a esperanza de que en vindeiros anos poidamos levala adiante.
Continúan o resto de actividades (desfile, baile e festa infantil) co engadido este ano do Enterro da Sardiña do que podemos decir que colaboran na súa organización a Asociación Amas de Casa de Cedeira, Asociación de Veciños de Piñeiro, Asociación Buxainas, Asociación Aturuxeiras, Asociación Maiores de Cedeira e Asociación Discalz@spolo Festival e ANPA Picapeixe e que terá o velorio na praza da Marieta o sábado 17 ás 17:00 para logo facer un percorrido polas rúas de Cedeira ata chegar a praia da Magdalena onde terá lugar o enterro e choricadas varias.

En canto ao concurso do día 10, segue aberto o prazo para a inscrición nas categorías de comparsas, grupos, parellas e individual. Só tedes que achegarvos ao concello e cubrir unha instancia xeral cos datos solicitados e presentar o dni da persoa que represente aos inscritos. Tamén pódese facer telemáticamente a través da sede electrónica do concello.
Lembrade que remata o día 9 ás 14:00 h.

O desfile de Entroido, dada a previsión meteorolóxica, tentaremos facelo igualmente pero xa tendo en conta que o remate terá lugar no polideportivo municipal. De permitilo o tempo sairemos da praza Roxa para dirixirnos pola Avenida de Castelao ata o polideportivo municipal onde o xurado poderá ver a todas as persoas participantes e onde se procederá á entrega de premios unha vez remate a suma dos votos. En caso de que o tempo non permita a saída polas rúas, irase directamente ao polideportivo onde poderemos ver igualmente todos os disfraces.

Este ano o xurado estará integramente formado por representantes de distintas asociacións do pobo, 11 en total, que entregarán os seus votos ao remate da presentación dos disfraces.

Bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres

BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

A Xunta de Galicia ven de publicar a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento SI437A).

As asociacións que estean interesadas teñen de prazo para a presentación das solicitudes ata o 9 de febreiro, un mes contado a partir do día seguinte á publicación no DOG da antedita resolución. Pode consultar a publicación do DOG na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Pode acceder a sede electrónica da Xunta na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Sede electrónica da Xunta de Galicia

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á xefatura territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.