Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A segunda edición do festival de música GalegoPortuguesa terá como temática a lusofonía

A SEGUNDA EDICIÓN DO FESTIVAL DE MÚSICA GALEGOPORTUGUESA
TERÁ COMO TEMÁTICA A LUSOFONÍA

Será os días 15, 16 e 17 de xuño e haberá concertos, charlas e obradoiros.

O goberno de Cedeira presentou hoxe en rolda de prensa a segunda edición do Festival de Música Galego-Portuguesa, que este ano difúndese baixo o lema “Traz outro amigo tambén” e cuxa temática será a lusofonía. O programa será os días 15, 16 e 17 de xuño.

Así, a lingua estará moi presente nas actuacións musicais pero tamén nas charlas e obradoiros que completarán unha programación coa que se quere estreitar lazos de amizade co país veciño, reivindicar o valor da música como arma de transformación social e mesmo como vehículo de comunicación e encontro no ámbito da lusofonía.

-Vernes 15:

Ás 18.00 horas, na sala Áncora, obradoiro de danza africana impartido por Marta Coutinho, creadora da publicación Zampadanzas do Mundo, e ás 21.00 horas, no auditorio municipal, concerto de Luiz Caracol (músico, cantor e autor portugués que ten na xénese do seu traballo unha mestizaxe moi propia, fruto da influencia urbana da cidade de Lisboa e de África).

-Sábado 16:

Ás 17.00 horas, na sala Áncora, obradoiro de canto alentejano con Celina da Piedade, acordeonista, cantora e compositora; ás 20.30 no auditorio actuación de Couple Coffee, banda formada por músicos brasileiros residentes en Portugal e, a partir das 22.00 horas, concerto da cantante galega Uxía sobre o mesmo escenario.

-Domingo 17:

Ás 19.00 horas, concerto de Celina da Piedade acompañada polos asistentes ao obradoiro.

Ademais, todos os días haberá charlas para abordar cuestións como as normas ortográficas reintegracionistas ou o uso normalizado, entre outras. Estes encontros terán lugar no palacete municipal e serán ás 19.00 horas o venres e ás 12.00 tanto o sábado como o domingo. Son abertas ao público en xeral.

No caso dos obradoiros, a participación necesita inscrición previa.

Esta pódese facer a través do correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.es, no whatsapp 673 223 414 e de maneira presencial na oficina de turismo.
As entradas aos concertos poderán retirarse no auditorio os días das actuacións desde dúas horas antes da entrada ao recinto.

No encontro cos medios de comunicación estiveron presentes o alcalde, Pablo Moreda Gil, os concelleiros de Ensino, Mocidade e Lingua, Robustiano Labraña, e a de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, así como o técnico cultural, Enrique Vázquez. Todos eles coincidiron en destacar que “Cedeira incorporouse ao circuito de festivais de música coa celebración o ano pasado do programa dedicado a Zeca Afonso, unha figura universal que tamén estará moi presente na presente edición”.

Solicitude de participación no programa de turismo do IMSERSO 2018-2019

SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA DE TURISMO DO IMSERSO 2018-2019

O Instituto de Maiores e Servizos Sociais ( Imserso) quere contribuír ao benestar das Persoas Maiores e, para iso, organiza distintos tipos de viaxes con obxecto de que poidan gozar dunhas merecidas vacacións, podendo optar ás seguintes modalidades:

1. Estancias en zonas costeiras peninsulares e insulares, para descanso e relax.

2. Turismo de interior para realizar circuítos culturais, turismo de natureza, viaxes a cidades de interese artístico e cultural.

Descarga da solicitude e información programa de turismo do imserso 2018-2019

O Xeoparque de Ortegal tomará ideas do existente en País Vasco

O XEOPARQUE DE ORTEGAL TOMARÁ IDEAS DO EXISTENTE EN PAÍS VASCO

O director científico do Geoparque da costa vasca visita desde hoxe os principais recursos xeolóxicos dos sete municipios que forman parte do Geoparque do Ortegal. O seu Consello de dirección espera aproveitar a experiencia do ilustre visitante de cara ao reto que ten por diante: o deseño do plan estratéxico e de actuacións que deberán levar a cabo antes de optar á avaliación por parte da Unesco.

O obxectivo da visita de Asier Hilario, segundo apuntan desde o Concello de San Sadurniño, é por unha banda obter recomendacións útiles para o proxecto de Ortegal e, doutra banda, conseguir orientación sobre as liñas mestras que deberá recoller o Plan director do geoparque, cuxa redacción será licitada proximamente.

Acompañado de persoal técnico e político da Deputación da Coruña e dos municipios, percorrerá hoxe as localidades costeiras -Valdoviño, Cedeira, Cariño e Ortigueira- e mañá achegarase ao Forgoselo, ás minas de Cerdido e Moeche, e reunirase cos alcaldes impulsores da candidatura en San Sadurniño.

As visitas centraranse no valor xeolóxico da área e no seu potencial turístico que, necesariamente, debe asociarse á estratexia de desenvolvemento do geoparque. A Unesco outorga a distinción «Geoparque global» en función de investimentos e actuacións que haberán de ser verificadas pola organización dependente de Nacione Unidas.

 

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN O Xeoparque de Ortegal tomará ideas do existente en País Vasco