Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Un ano máis o percebe leva a festa á Vila de Cedeira

UN ANO MÁIS O PERCEBE LEVA A FESTA Á VILA DE CEDEIRA

Antes das 11.30 da mañá de onte xa había xente na explanada do porto de Cedeira para facerse coas primeiras racións de marisco que se poñían a venda na XVII Festa do Percebe.

“É a nosa festa”, afirmou o alcalde, Pablo Moreda Gil, que tamén destacou a calidade do produto e invitou a veciños e visitantes a sumarse coa súa asistencia a unha celebración moi consolidada dentro do calendario gastronómico da comarca. Moreda Gil considera ademais que “o pobo de Cedeira ten a cualidade de que o turista se sinta cómodo durante a súa estancia na vila”.

A organización do evento corre a cargo da Confraría de Pescadores, cuxa patroa maior, Lucía Villar Martínez, apuntou que este ano se porán á venda un total de 1.700 racións de percebes, 900 de empanada e 1.000 de polbo da ría de Cedeira. Os prezos son 13, 6 e 15 euros, respectivamente. Lucía Villar recordou que este ano o marisco tamén se pode adquirir na “Tenda da Lonxa”, que estará aberta tanto hoxe como mañá nos baixos da lonxa, e lembrou que actualmente máis de cen mariscadores se están a dedicar á extracción do percebe na costa cedeirense.

O programa inclúe actuacións musicais, obradoiros no museo Mares e un parque de inchables na praia de Area Longa para os visitantes máis cativos. Tamén está a funcionar un tren turístico que percorre nas dúas direccións a distancia que existe entre a praza de Galicia e o recinto festivo. Trátase así de evitar posibles problemas de tráfico na estrada do porto.

A vila de Cedeira vivirá hoxe a terceira xornada festiva da man do “rei do marisco”. A degustación comezará ás 11.30 horas e finalizará pasadas as sete da tarde.

Cedeira despediu hoxe aos últimos participantes do campus de fútbol da RFEF

CEDEIRA DESPEDIU HOXE AOS ÚLTIMOS PARTICIPANTES DO CAMPUS DE FÚTBOL DA RFEF

O auditorio de Cedeira acolleu hoxe a clausura do Campus de Fútbol da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). O alcalde, Pablo Moreda Gil, presidiu un acto que tamén contou coa presenza do representante da Federación Española de Fútbol Jesús Paredes e do xogador Nando, internacional en dúas ocasións coa selección absoluta e lateral esquerdo tanto no Valencia Club do Fútbol como no Deportivo da Coruña. Tamén foi adestrador do Somozas entre os anos 2009 e 2011.

Por segundo ano consecutivo a RFEF apostou pola vila de Cedeira como sede do Compus de Fútbol dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre 8 e 17 anos de idade. A actividade se levou a cabo en dúas quendas, dando comezo o día 15 e finalizando na xornada de mañá día 28 de xullo. As instalacións tanto do campo de fútbol municipal como do pavillón polideportivo acolleron o programa de formación mentres que o colexio público Nicolás del Río foi o lugar de descanso duns rapaces que hoxe recolleron os seus diplomas nun acto no que tamén recibiron o cariño de profesores e do público en xeral.

A xuntanza motera chega hoxe a súa terceira edición

A XUNTAZA MOTERA CHEGA HOXE A SÚA TERCEIRA EDICIÓN

O Concello de Cedeira volve colaborar coa Asociación do Casco Vello na organización da Xuntanza Motera, unha iniciativa que este ano coincide coa Festa do Percebe e na que está prevista a participación de arredor de 200 persoas.

A cita será mañá sábado e o programa inclúe unha ruta pola vila, unha comida a base de paella, un paseo pola tarde ata a praia de Pantín e música pola noite. Esta última actividade estará a cargo dos grupos Varefoods e Farrapos de Gaita. Os concertos darán comezo sobre as 22.30 horas.

A zona da Alameda será o centro neurálxico dunha celebración que este ano chega a súa terceira edición. Durante unhas horas, Cedeira será a referencia para afeccionados ás motos de Galicia e mesmo tamén do norte de Portugal. A churrascada está prevista para as 14.30 e o paseo ata Pantín dará comezo ás 17.30 horas.