Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COVID-19

Cedeira pecha o Concello e Servizos Municipais para evitar contaxios do coronavirus

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acaba de editar un bando no que se informa das medidas preventivas adoptadas polo Concello para tratar de evitar a expansión do coronavirus entre a poboación local. As disposicións estarán vixentes durante un período inicial de 15 días, desde hoxe venres (día 13) ata o 27 de marzo.

Así, suspéndese a atención ao público presencial no Concello, tanto na Casa Consistorial como na sede dos Servizos Sociais que, a partir de agora farase vía correo electrónico (correo@cedeira.gal) ou a través dos teléfonos da Policía Local, do Rexistro municipal, Servizos Sociais, Polideportivo, Biblioteca, Policía Local e Oficina de Turismo. Polo tanto, permanecerán pechados ao público a biblioteca, os Servizos Sociais, o Polideportivo Municipal, a Oficina de Turismo e o Centro de ocio xuvenil.

Así mesmo quedan suspendidos o feirón mensual e o mercado dos sábados , a feria de antigüedades e segunda mano prevista para o 10 de abril, as iniciativas deportivas e socioculturais organizadas polo Concello, as actividades que se veñen celebrando nos centros municipais como obradoiros e cursos, tanto na vila como nas parroquias, e recomendase ás asociacións e entidades anular os actos públicos e sociais durante os próximos 15 días.

O Concello tamén recomenda á veciñanza non acudir a lugares moi concorridos, especialmente se se trata de sitios pechados e poñendo especial atención a colectivos vulnerables, como poden ser as persoas maiores, poboación infantil ou persoas con doenzas crónicas.

Lavarse as mans de maneira frecuente, cubrirse a boca e o nariz en caso de toser ou esbirrar, evitar tocarse os ollos, nariz e boca e evitar contacto con outras persoas en caso de presentar síntomas respiratorios, son outras das recomendacións recollidas no bando institucional do Concello de Cedeira.

O Concello pide a veciñanza que colaboren, na medida das súas posibilidades, para mitigar a expansión do Covid-19, ao tempo que se lle quere mandar unha mensaxe tranquilizadora e de agradecemento polas posibles molestias que poidan derivarse das medidas adoptadas.

Bando da Alcaldía anunciando as medidas municipais preventivas polo Coronavirus

PABLO DIEGO MOREDA GIL, ALCALDE DO CONCELLO DE CEDEIRA FAGO SABER:

Ante a incidencia rexistrada polo COVID19 (coronavirus) , tras as medidas adoptadas por parte do Ministerio de Sanidade, o Concello de Cedeira adopta as seguintes medidas preventivas que afectan ao funcionamento dos servizos públicos, por un período inicial de 15 días, desde o 13 ata o 27 de marzo:

– Queda suspendida a atención ao público presencial no Concello de Cedeira, tanto na Casa Consistorial como na sede dos Servizos Sociais. Toda a atención realizarase polos empregados municipais a través do correo electrónico (correo@cedeira.gal) e dos seguintes teléfonos:

  • Rexistro: 981 480 000
  • Policía Local: 981 48 0725
  • Servizos Sociais: 981 492 179
  • Oficina de turismo: 981 48 2187
  • Polideportivo: 981 482 633
  • Biblioteca: 981 482 897

– Quedan cerrados o acceso ao público en xeral os seguintes centros municipais:

  • BIBLIOTECA MUNICIPAL
  • SERVIZOS SOCIAIS
  • POLIDEPORTIVO MUNICIPAL
  • OFICINA DE TURISMO
  • CENTRO DE OCIO XUVENIL

– Queda suspendido o feirón mensual e o mercadillo dos sábados, así como a venda ambulante

– Suspensión das actividades deportivas organizadas polo Concello

– Suspensión das actividades socioculturais organizadas polo Concello

-Suspensión das actividades que se desenvolvan en centros municipais como talleres, cursos e similares, tanto en Cedeira como nas parroquias, desenvoltos ou non polo concello (tales como ensaios… ) Recomendación ás asociacións e entidades do municipio que suspenda os seus actos públicos e sociais durante os vindeiros 15 días

Ditas medidas iranse adaptando á situación epidemiolóxica de cada momento, e informarase de cada variación que se poida producir con respecto ás mesmas.

O Concello de Cedeira quere enviar unha mensaxe tranquilizadora á veciñanza e insiste en que sigan as instrucións das autoridades sanitarias. Así mesmo, recoméndase consultar fontes oficiais para informarse, como a páxina do Ministerio de sanidade (www.mscbs.gob.es) ou o teléfono de información para a cidadanía 900 400 116.

Para evitar posibles contaxios lémbrase o seguinte:

  • Recoméndase non acudir a lugares que conleven aglomeración de persoas, especialmente se se trata de sitios pechados e poñendo especial atención a colectivos vulnerables (persoas maiores, poboación infantil ou persoas con enfermidades crónicas)
  • Lavarse as mans frecuentemente, sendo recomendable o uso de xeles desinfectantes
  • Ao toser ou esbirrar, cubrirse a boca e o nariz cun pano desbotable ou contra o brazo co cóbado flexionado
  • Evitar tocarse os ollos, nariz e boca
  • Se se presentan síntomas respiratorios, evitar o contacto próximo con outras persoas

Calquer novidade será difundida a través dos medios de comunicación municipais.