Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COVID-19

O CONCELLO REPARTIRÁ 70.000€ ENTRE OS NEGOCIOS DA LOCALIDADE PARA MINIMIZAR O EFECTO DA COVID

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar a convocatoria dunha nova liña de axudas dotada con 70.000€ e dirixida a paliar as perdas que a pandemia provocou ás pequenas empresas e autónomos da localidade. Tal como informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é un novo programa financiado ao 100% con fondos municipais cuxo obxectivo é “que ningún negocio local quede sen apoio, é dicir, garantir que aqueles que non obtiveron o respaldo do PEL Reactiva conten desta volta con axuda para remontar a difícil situación que atravesaron e que aínda teñen que enfrontar”. Segundo explicou, a convocatoria foi consensuada coa oposición, á que agradeceu o seu respaldo no tema.

As axudas van destinadas a traballadores/as autónomos/as con ou sen empregados e pequenas empresas que teñan en Cedeira o seu domicilio fiscal ou un local de negocio. Quedarán excluidas nesta ocasión as empresas que constituiron o obxecto de financiación do programa PEL Reactiva – hostalería e axencias de viaxes-.

As bases establecen axudas de 1.000, 1.250 e 1.500€ para as persoas autónomas sen traballadores ao seu cargo; para os autónomos ou empresas con entre un e cinco empregados e para os autónomos ou empresas con máis de cinco traballadores, respectivamente. Porén, a convocatoria establece que se esgotará o crédito dispoñible, de 70.000€, entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos e que, no seu caso, ratearanse os fondos proporcionalmente para garantir que todos reciben unha axuda.

As subvencións servirán para financiar gastos estruturais e de funcionamento correntes vencellados ao mantemento da actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021, ben sexan de aluguer de local ou vehículos de empresa, pago de hipoteca da sede da empresa, dixitalización do negocio, nóminas de traballadores, cotas da Seguridade Social, subministracións de materias primas, servizos profesionais, seguros, facturas de luz, electricidade ou gas, etc.

Segundo informou o alcalde, as bases serán publicadas en breve no Boletín Oficial da Provincia e a continuación abrirase o prazo dun mes para presentar as solicitudes. Moreda recordou que no ano 2020 o Concello de Cedeira convertiuse no primeiro da zona en artellar con fondos propios un programa de axudas para os negocios locais e subliñou que esta nova liña de axudas vén completar e complementar aquel programa e o do PEL-Reactiva, que se convocara posteriormente.

Así, o Concello de Cedeira eleva a máis de 170.000 euros os fondos municipais destinados a paliar as consecuencias da covid na economía local. Así, na convocatoria exclusivamente municipal repartíronse 76.750€ entre 112 microempresas e autónomos de Cedeira e na do PEL Reactiva pagáronse 62 axudas por un importe total de 135.324,46€, do que a Deputación custeou o 80% e o Concello, o 20% restante.

FOGATAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO 2021

O Concello de Cedeira lembra que para a celebración de fogueiras de San Xoán e San Pedro en espazos privados débese contar coa correspondente autorización municipal e en espazos públicos non se poderán realizar atendendo o que ven establecido na orde de 28 de maio de 2021:
4.6. Mantense, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o peche das actividades de festas, verbenas e outros eventos populares.

Así mesmo lembran que para a celebración de fogueiras en espazos privados, as recomendacións son de ser como máximo 15 persoas como está establecido na orde de 10 de xuño,

«Terceiro.bis. Recomendacións relativas á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados

  • No territorio dos concellos indicados nas letras B, C e D do anexo II recoméndase que os grupos non superen as seis persoas coma máximo en espazos pechados e as quince persoas coma máximo en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes.
  • Recoméndase tamén que entre a 1.00 e as 6.00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados coma abertos ou ao aire libre, e en espazos de uso privado se limite aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Manteñamos o sentidiño para chegar ao final desta desescalada coas maiores garantías posibles.

POSTA EN MARCHA DO PLAN DE HOSTALARÍA SEGURA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

O DOG ven de publicar o Venres, 21 de maio de 2021 o seguinte boletín:

ORDE do 21 de maio de 2021 pola que se prorroga a eficacia e se modifica a Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, e se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Podese descarga o documento na seguinte ligazón:

DESCARGA PDF DOG Venres, 21 de maio de 2021