Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COVID-19

Os concellos non teñen competencias para a realización de test do COVID-19 fóra do sistema sanitario

A Federación de Municipios e Provincias Galegos vén de publicar unha circular na que advirte de que calquera proba diagnóstica do COVID-19 realizada fóra do sistema sanitario non ten validez a ningún efecto e pregando aos concellos a que contribúan á correcta información da cidadanía e calquera entidade, empresa ou institución.

Esta circular é a resposta da Fegmap á consulta realizada polos Concellos para coñecer o alcance das súas competencias ao respecto da posibilidade de realizar probas diagnósticas do COVID-19. A Fegamp, tras dar traslado de dita consulta á Xunta de Galicia, aclara que o uso de probas diagnósticas non só excede as competencias municipais senón que pode ter un efecto negativo nos esforzos por conter a pandemia ao dar unha radiografía errónea da situación epidemiolóxica, xerando falsas expectativas.

Desde a Fegamp e o Concello de Cediera faise un chamamento á prudencia e responsabilidade, insistindo en que os test deben pasar a supervisión das autoridades sanitarias para que garantan a súa efectividade e seguridade.

Os Concellos da Mancomunidade compartirán documentación para facilitar a adopción de medidas coas que paliar os efectos económicos da pandemia do coronavirus

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou esta mañá, entre as 12.00 e as 13.20 horas, unha nova reunión por videoconferencia.

O encontro estivo presidido polo presidente e alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e contou coa asistencia dos representantes municipais de Ares (Julio Iglesias), Cabanas (Carlos Ladra), Cedeira (Pablo Diego Moreda), Fene (Juventino Trigo), Mugardos (Manuel Mahía, substituíndo a Juan Domingo de Deus), Narón (Marián Ferreiro) e Valdoviño (Alberto González), así como do segundo representante do Concello de Ferrol no Pleno da Mancomunidade (Iván Rivas). Desculpou a súa ausencia o alcalde de Neda, ao que non lle foi posible asistir ao encontro.

As administracións locais están a xogar un papel moi relevante na xestión da crise, e deben tomar decisións complexas ante unha situación sen precedentes. Neste sentido, o órgano supramunicipal está a servir para que os responsables locais intercambien información sobre as situacións ás que se enfrontan e a maneira de articularse con outras administracións.

A sesión celebrada no día de hoxe permitiu coñecer os criterios que se están a adoptar nos distintos concellos en canto ao repartimento de equipos de protección individual ás persoas que se incorporaron aos seus postos de traballo nesta semana e aos colectivos máis vulnerables, e informouse sobre as medidas fiscais que se están a estudar en cada municipio para minimizar o impacto da crise sanitaria nas persoas e actividades económicas máis afectadas.

A este último respecto, acordouse crear un repositorio de documentación para que os nove municipios poidan compartir documentos relativos ás medidas fiscais e empregar como base os acordos e informes dos concellos veciños.

A reunión tamén serviu para renovar o Convenio entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Universidade da Coruña para a Cátedra sobre Xestión de Emerxencias creada o pasado ano. Esta iniciativa xa foi impulsada con anterioridade á actual crise sanitaria, pero a presente situación confirma a necesidade deste instrumento, baseado na coordinación dos servizos de Protección Civil municipais e na transferencia de coñecemento científico e tecnolóxico coa Universidade.

Modificacións do Plan Estatal Vivenda para facer fronte ao COVID-19

O BOE ven de publicar a Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, pola que se incorpora, substitúe e modifican senllos programas de axuda de o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, en cumprimento dos disposto nos artigos 10, 11 e 12 da Real Decreto-lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19.

En concreto:

  • Incorpórase un novo Programa de axudas ao aluguer para as persoas arrendatarias de vivenda habitual que, como consecuencia do impacto económico e social do COVID–19 teñan problemas transitorios para atender ao pago parcial ou total do aluguer (artigo 2)
  • Suprímese o Programa de axudas ás persoas en situación de desafiuzamento ou lanzamento da súa vivenda habitual e substitúese o Programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables, para facilitarlles unha solución habitacional inmediata (artigo 4)
  • Modifícase o Programa de fomento do parque de vivenda en aluguer, co obxecto de incrementar o parque público e social de vivendas destinadas ao aluguer e cesión en uso (artigo 5)

Pode descargar o documento na seguinte ligazón:

Descarga PDF da Orden TMA/336/2020, de 9 de abril, por la que se incorpora, sustituye y modifican sendos programas de ayuda del Plan Estatal de Vivienda 2018-2021, en cumplimiento de lo dispuesto en los artículos 10, 11 y 12 del Real Decreto-ley 11/2020, de 31 de marzo, por el que se adoptan medidas urgentes complementarias en el ámbito social y económico para hacer frente al COVID-19.