Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO REÚNENSE PARA FOMENTAR O EMPRENDEMENTO NA TRANSFORMACIÓN E DIVERSIFICACIÓN DO SECTOR PESQUEIRO

O “PROGRAMA DE VALORIZACIÓN DA PESCA SUSTENTABLE, E PARA IMPULSO DO EMPRENDEMENTO, PRIORITARIAMENTE NA TRANSFORMACIÓN, NO SECTOR PESQUEIRO NOS CONCELLOS DE CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO. EMPRENDEPESCA” (2021-2022) é unha iniciativa conxunta entre os Concellos de Cariño, Cedeira e Valdoviño, financiada co Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP), aprobado na primeira fase de axudas dos Grupos de Acción Local Participativo, de 2021.

EMPRENDEPESCA é un proxecto que ten como prioridade dar a coñecer as diferentes posibilidades que ofrece o sector do mar no territorio Emprendepesca, e dar visibilidade a aquelas oportunidades emprendedoras que o diversifican facéndoo máis competitivo e innovador.

Esta iniciativa, que vén liderada polo Concello de Cedeira, aposta polo xurdimento de novos negocios ou liñas de negocio relacionadas co sector pesqueiro e mariñeiro, como está a suceder noutros territorios da costa galega, e que a través da aparición de novas ideas innovadoras e diversificadoras, ven crecer social e economicamente os seus pobos.

Na reunión celebrada no Concello de Valdoviño, e na que participaron os representantes dos tres Concellos, falouse das diferentes actividades que nesta anualidade 2022 estanse a executar, como é a posta en marcha da páxina web emprendepesca.gal/.

A páxina web de EMPRENDEPESCA vén sendo un lugar de referencia para toda persoa que queira obter información do proxecto, facer unha consulta ou requirir axuda dos técnicosasesores que están a disposición das persoas interesadas nesta actuación. Ademais nela pódense consultar, entre outra información: os recursos que teñen a súa disposición as persoas emprendedoras, casos de emprendemento que son considerados boa práctica na transformación, ou nos sectores de hospedaxe, hostaleira, así como outras experiencias todas elas relacionadas co sector do mar.

EMPRENDEPESCA diríxese a persoas con interese, ilusión e gañas de emprender no sector pesqueiro e ver crecer a súa iniciativa dentro do seu pobo. Para todas estas persoas que se enrolen en EMPRENDEPESCA ofrecerase un asesoramento dirixido a posta en marcha da súa idea emprendedora, traballando o plan de empresa, o plan de viabilidade, a forma xurídica a elixir, os trámites legais e administrativos a cubrir, entre outras áreas.

Dentro do proxecto, tamén se detectan e se dan a coñecer oportunidades de negocio relacionadas co mar, sobre todo coa transformación do sector pesqueiro e a diversificación do mesmo e que teñen posibilidade de implantarse no territorio dos Concellos de Cedeira, Cariño e Valdoviño.

Emprendepesca conta coa colaboración de cinco entidades clave neste territorio, como son as Confrarías de Pescadores de Cedeira e de Cariño, a Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, as Asociacións de Percebeiros de Cariño e de Meirás.