Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

BOTA A ANDAR ALINGUA, ASOCIACIÓN FORMADA POR 18 CONCELLOS PARA IMPULSAR A DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Cedeira é un dos 18 concellos galegos que forman a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega “Alingua”, entidade que foi presentada publicamente hai poucos días en Santiago. A organización bota a andar cunha campaña de promoción nos medios de comunicación e redes sociais na que participan personalidades de todos os eidos, como a actriz Mela Casal, o xornalista Gonzo, a artesá Elena Ferro ou o actor Touriñán.

Alingua nace para impulsar o uso do galego a través da intercooperación e o traballo en rede dos concelos participantes. Do nome da entidade, tal e como explicou o seu presidente, Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, “xorde o verbo alinguar, que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula”. A asociación quere que se converta “no neoloxismo de moda” coa axuda da campaña publicitaria devandita, na que se introducen mensaxes como “E ti que alinguas?”, “O teu alforitmo fala galego?” ou “A lingua sitúanos no mundo”.

A concelleira de Cultura, Ermitas García, destacou que “as administracións locais deben fomentar o uso da lingua galega en todos os eidos” e que o goberno local de Cedeira está comprometido con dito obxectivo. “Participar nesta plataforma e colaborar con outros concellos que están tan sensibilizados como nós neste tema abre a porta a ter maior capacidade para organizar actividades en rede, a compartir ideas, propoñer iniciativas e acoller outras que partan doutras entidades”, subliñou a edil.