Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Avanzan os trámites para o inicio da obra de mellora da estrada de punta Candieira á ermida de San Antonio

AVANZAN OS TRÁMITES PARA O INICIO DA OBRA DE MELLORA DA ESTRADA DE PUNTA CANDIEIRA Á ERMIDA DE SAN ANTONIO

A Deputación da Coruña deu esta semana un paso máis cara á contratación do proxecto de mellora e pavimentación na estrada DP 2203, de Punta Candieira á ermida de San Antonio, unha obra de moita importancia, segundo o goberno de Cedeira, polo estado actual que presenta e o volume de tráfico que soporta.

O Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación daba inicio hai uns días ao proceso de selección das empresas que presentaron ofertas para facerse cargo da actuación, cuxo orzamento de saída ascende a 101.406, 90 euros. Dito investimento, como se recordará, tamén era aprobado polo pleno provincial durante a sesión do pasado mes de setembro.

A execución do proxecto, que se desenvolverá ao longo dun tramo de 3,34 quilómetros, dará lugar á apertura de cunetas en ambas as marxes da estrada, así como a roza de ribadas e a realización de beiravías. Tamén se contempla a reparación de fochancas e desniveis e a pavimentación de toda a vía cunha mestura en quente de cinco centímetros de grosor. O proxecto, cun prazo de execución de tres meses a partir do inicio das obras, inclúe así mesmo unha nova sinalización vertical e horizontal.

A intervención está incluída na terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2017, unha iniciativa da Deputación da Coruña para mellorar o estado e a seguridade viaria en todas as estradas que son da súa competencia.