Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

O certame de teatro Amador de Cedeira arrincará o día 4

O CERTAME DE TEATRO AMADOR DE CEDEIRA ARRINCARÁ O DÍA 4 COA COMPAÑÍA O ATURUXO DE MELPÓMENE E UNHA OBRA DE PAULA CARBALLEIRA

O Concello de Cedeira xa ten o cartel para a primeira edición do certame de teatro afeccionado que se celebrará os días 4, 11 y 18 do presente mes no auditorio municipal.

Un total de oito compañías tomaron parte nesta primeira convocatoria. Despois dun proceso de selección resultaron elixidas: O Aturuxo de Melpómene, que porá en escena a obra “Misterios”, de Paula Carballeira; a Asociación de Teatro Aficionado Parteluz, que representará a peza “A noite vai como un río”, de Álvaro Cunqueiro, e a Asociación Dramatúrxica Pico de Castro de Foz, coa obra “O consultorio”.

A entrada será gratuíta e todas as funcións comezarán ás oito da tarde.

A concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez, destacou o alto nivel das obras presentadas –“foi moi difícil a selección”, dixo– e agradeceu a todas as compañías o seu interese en tomar parte nun certame que “nace para ter continuidade”. A concelleira invita agora aos veciños a gozar unha iniciativa coa que se pretende facer de Cedeira o lugar de referencia en Galicia do teatro afeccionado.

I certame de teatro afeccionado de Cedeira

I CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO DE CEDEIRA

Coa intención de achegar o teatro afeccionado á veciñanza de Cedeira, a concellería de cultura convocou este I Certame de Teatro Afeccionado.
Presentáronse un total de once obras de oito compañías, ás que queremos agradecer a súa participación e invitamos a vindeiras convocatorias.

Os grupos seleccionados para o I Certame de Teatro Afeccionado de Cedeira e o calendario é o seguinte:

  • Venres 4 de novembro – O Aturuxo de Melpómene coa obra “Misterios” de Paula Carballeira
  • Venres 11 de novembro – Asociación de Teatro Aficionado Parteluz coa obra “A noite vai coma un río” de Álvaro Cunqueiro
  • Venres 18 de novembro – Asociación Dramatúrxica Pico do Castro de Foz coa obra “O consultorio”

Todas as funcións realizaranse no Auditorio Municipal de Cedeira ás 20:00 h. e a entrada será gratuíta.
Invitamos a todas e todos os veciños a achegarse a estas funcións.

A festa do Samaín de Cedeira chega este ano a súa 27ª edición

A FESTA DO SAMAÍN DE CEDEIRA CHEGA ESTE ANO A SÚA 27ª EDICIÓN

Unhas 40 persoas, na súa maioría nenos, participan no obradoiro de pantasmas o avisiós que dende o pasado luns se celebra na sala Áncora de Cedeira. Son algúns dos que mañá e o sábado tomarán parte na festa de Samaín que o Concello organiza coa colaboración da Asociación de Amigos do Samaín. Este ano a cita chega a súa 27ª edición.

O programa arrincará mañá coa celebración dun obradoiro de zonchos, outro de pintura e a actuación de Anxo Moure que, nesta ocasión, representará o espectáculo “O Carballo con Botas na noite do Samaín”. Esta programación desenvolverase entre as 17.30 e as 19.00 horas.

O calendario de actos que terán lugar ao longo da tarde do sábado dará comezo ás cinco coa apertura da inscrición do concurso de tallado de cabazas, que se pechará ás sete. Xogos e chanzas, coa axuda do grupo Guagua, e un obradoiro de maquillaxe darán paso á celebración da tradicional merenda de outono, na que haberá bolas de nata, castañas e requeixo con mel, entre outros productos e manxares propios desta época do ano.

O pasarúas pola vila vella -un dos actos máis esperados para os moitos participantes que ano tras ano se dan cita na festa de Samaín de Cedeira- dará comezo ás 20.30 horas. Coa entrega de premios do certame de talla de calacús ou cabazas pechará unha nova edición dun programa co que se pretende recuperar a festa máis tradicional frente a “asoballante parafernalia” so Halloween.

Pero o peche definitivo das celebracións de Samaín no ámbito cedeirés producirase o día 28 de novembro coa última sesión do obradoiro de escritura “Imos escribir contos de medo”, que desde o día 7 do citado mes impartirase no IES Punta Candiera.

Outra novidade desde ano foi a celebración dun obradoiro de iniciación ao dibuxo que deu lugar á elaboración dun mural de máis de 10 metros que dende mañá se podrá ollar nas carpas que estarán ao longo do paseo da Marina. A ilustradora Laura Recio, gañadora do cartel de Samaín, estivo á fronte dunha iniciativa que finaliza hoxe.