Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“AS7PARROQUIAS” DESTACA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO O INVESTIMENTO DE 2,6M€ DO GOBERNO CENTRAL EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira está a distribuír estes días entre a veciñanza unha nova edición do boletín informativo “As7Parroquias”, no que recolle as novidades máis destacadas do traballo municipal dos últimos meses. Así, neste número 18 da publicación destaca a noticia do compromiso acadado polo Ministerio de Transición Ecolóxica de financiar con 2,6 millóns de euros a rexeneración da praia da Madalena e o proxecto de recuperación da antiga cetaria das Sonreiras, así como a modificación de créditos aprobada polo pleno, a través da cal o Concello incorpora máis de medio millón de euros ao capítulo de investimentos deste ano, procedentes de remanentes do pasado 2020.

O novo programa de axudas creado polo Concello de Cedeira para paliar o impacto da covid nas empresas e autónomos da vila, dotado con 70.000 euros, é outra das cuestións das que informa o boletín. “As7Parroquias” tamén dá conta da execución dos orzamentos participativos, coa realización do parque de calistenia e o ciclo de auto-cine, así como da presencia de Cedeira na última edición de Fitur.

O rexeitamento aos proxectos de parques eólicos mariños que proxecta Iberdrola no litoral próximo a Cedeira e tamén ao parque eólico terrestre Badulaque é tamén un tema que aborda o boletín, en cuxas páxinas o Concello informa igualmente da recente contratación de todos os suministros enerxéticos municipais de fontes renovables. A nova ordenanza de protección de camiños municipais e o apoio do Concello á flota pesqueira fronte ao regulamento proposto pola Unión Europea son outros dos temas que aborda a publicación.

A Banda de Música Vila de Cedeira protagoniza desta volta a contraportada do boletín, despois dunha recente renovación na directiva. O relevo xeracional garante o futuro desta formación, con grande arraigamento na localidade e cun espíritu bulideiro que a leva a integrar todo tipo de músicas no seu repertorio.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

DESCARGA Boletín nº 18