Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AS VISITAS Á OFICINA DE TURISMO MEDRARON ESTE ANO UN 70%, FUNDAMENTALMENTE CON VISITANTES NACIONAIS

A Oficina de Turismo de Cedeira recibiu durante os meses de xullo e agosto deste ano un total de 4.240 visitas de persoas procedentes de diferentes puntos de España, fundamentalmente. A afluencia supón un incremento de preto do 70% con respecto ao mesmo período do pasado ano e aproxímase ás cifras pre-pandemia, polo que a concelleira de Turismo, Carmela Prieto, evaluou moi positivamente o desenvolvemento da campaña e a súa repercusión na economía da vila.

Segundo os datos recollidos na Oficina de Turismo, foron 1.710 en xullo e 2.525 en agosto as persoas que se achegaron polo servizo para recoller información dos principais atractivos de Cedeira e a súa contorna. A práctica totalidade foi turismo nacional e aproximadamente un 5% viu de fóra de España. Os estranxeiros foron poucos, pero si máis que o pasado ano, cando segundo recorda a técnica responsable da oficina, Mar López, chegaran unicamente un ou dos grupos que arribaron a Cedeira en barco. Desta volta xa volveron viaxeiros doutros países en coche ou caravana, en avión e tamén de novo en iates.

Entre o turismo nacional, o grupo máis numeroso foi o procedente de Madrid, seguido de Cataluña, País Vasco, a propia Galicia, Castilla y León –destacou o número de persoas de Burgos-, Aragón –cunha tamén salientable afluencia de xente de Zaragoza- e Andalucía, entre outras comunidades. Das visitas estranxeiras, destacou Francia e houbo tamén xente de Inglaterra, Alemaña e Bélxica.

As personas que se achegan á Oficina de Turismo fanno para coñecer fundamentalmente que poden visitar dentro do municipio e entre os seus intereses destacan o núcleo de Santo André de Teixido, a ruta dos miradoiros, os cantís de Herbeira, o castro de Sarridal, o Museo Mares e as praias, así como o sendeirismo. Esta última foi unha opción que cobrou forza entre os viaxeiros xa o pasado ano e que en Cedeira conta con moitas alternativas: as xeorrutas, os roteiros “Descobre Cedeira” e o Camiño a Santo André son as máis destacadas.

Concello de Interese Turístico

A Oficina de Turismo do Concello de Cedeira está situada no Palacete Municipal e abre as súas portas durante todo o ano, como corresponde a un municipio declarado pola Xunta de Galicia como de Interese Turístico. Durante este verán son tres as persoas que atenden e informan aos visitantes, aos que ademais de proporcionar orientación sobre os atractivos do municipio facilitan explicacións e documentación sobre outros recursos nas comarcas de Ortegal e de Ferroterra.

O horario de atención durante o verán, que se vai manter en setembro, é moi completo: de luns a venres, entre as 09.00 e as 14.30 horas polas mañás e de 15.30 a 21.00 polas tardes; os sábados de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 e os domingos polas mañás, de 10.00 a 14.00 horas.