Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AS RUTAS QUE TRASLADAN AOS SEUS VISITANTES A MEMORIA DO LITORAL CEDEIRENSE

O proxecto Cedeira Mariñeira ten como finalidade principal valorizar o labor e a memoria pesqueira e marisqueira a través da creación de dúas rutas nas que se resalten as infraestruturas, enclaves e colectivos que protagonizan a actividade no mar. Así, na elaboración destas rutas tematizadas para promocionar o patrimonio mariñeiro material e inmaterial, leváronse a cabo labores de recollida de datos por varias vías.

Por unha parte, fíxose un estudo das zonas potenciais polas que poderían discorrer as rutas, para valorar o seu estado, a súa adaptabilidade e a viabilidade do percorrido. Deste xeito puidéronse marcar os tracks que compoñerán estes itinerarios que se poderán realizar tanto a pé como en BTT. Por outra parte, realizouse unha recollida de información a partir de entrevistas a algúns dos colectivos profesionais claves no territorio. Así púidose coñecer máis sobre a historia e os oficios que caracterizan o litoral e elaborar o relato que conformará as rutas.

Unha vez feita a documentación previa e traballado o territorio, realizouse o deseño das rutas e dos contidos informativos que as acompañarán. O resultado son dúas alternativas circulares nas que se traballan dúas partes moi importantes do municipio. Unha ruta urbana de baixa dificultade (duns 6km) na que se repasa a historia mariñeira da vila, pasada e presente, a través de puntos clave como o porto, a lonxa ou o casco histórico. Tamén, unha ruta litoral na que desprazarse polas panorámicas da contorna da serra da Capelada que reflicten outra gran parte dos oficios e a actividade no mar. Esta última presenta dúas versións, unha máis curta (algo máis de 7km) na que ir bordeando toda a serra e unha versión máis longa (9,5km), na que podes baixar ata o núcleo de Santo André de Teixido antes de volver ao punto inicial.

Ambas rutas contarán cun perfil en Wikiloc no que estarán dispoñibles os datos máis relevantes para a súa realización: lonxitude, duración aproximada do percorrido, nivel de dificultade, desniveis, altitude e información sobre os puntos máis relevantes que se visitarán, así como fotografías destes enclaves. Ademais, estes itinerarios subiranse á web de turismo municipal, na que se atoparán os enlaces ao perfil en Wikiloc, a información sobre os puntos que se visitan na ruta, audios en tres idiomas (galego, español e inglés) que farán máis accesibles os contidos e dúas videotestemuñas protagonizadas por dous dos colectivos profesionais do mar explicando os seus oficios. O proxecto denominado como “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do concello de Cedeira. CEDEIRA MARIÑEIRA” está impulsado polo Concello de Cedeira e conta co respaldo do GALP A Mariña-Ortegal e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).