AS ORQUESTRAS PANORAMA E PARÍS DE NOYA E O CONCERTO DE LOQUILLO, PROTAGONISTAS DAS CITAS MUSICAIS DA SEMANA FESTIVA DE CEDEIRA

As dúas grandes orquestras do panorama musical galego daranse cita este verán na vila de Cedeira. Será durante as festas, que arrincarán este venres coa lectura do pregón -este ano a cargo de Buxainas- e a actuación do grupo Nuevo Plan, unha formación que recrea musicalmente os anos oitenta.

A orquestra Panorama despedirá a velada musical do sábado 12, a partir das doce da noite na praza da Revolta, unha xornada na que tamén se celebrarán o trofeo Cedeira Sport de fútbol, os xogos populares no paseo na Mariña (17.00 horas), o certame de bandas na praza do Floreal (19.00 horas), e a actuación da orquestra La Favorita tanto na sesión vermú (14.00 horas) como na verbena que dará comezo na praza Roxa ás dez da noite.

O programa previsto para o día 13 inclúe a actuación da orquestra París de Noya, que será na praza da Revolta a partir das doce da noite. Esta xornada deixará tamén a intervención da formación La Ola, tanto ás 14.00 como as 22.00 horas, na praza Roxa e o espectáculo familiar de maxia Circanelo na praza Floreal, ás oito da tarde.

A gran cita musical do luns 14 será o concerto de Loquillo na praza da Revolta, a partir das doce da noite. As entradas xa están á venda ao prezo de 10 euros. Pódense adquirir na oficina de turismo, en Foto García e Modas Garbo. Esta xornada inclúe ademais a actuación da charanga NBA (de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas) e o espectáculo Código de Dani García na praza do Floreal, ás 20.00 horas.

O día da patrona, día 15, a xornada festiva arrincará coa misa cantada pola coral Eixil e a procesión e posterior concerto na praza Roxa, citas nas que intervirá a Banda Vila de Cedeira. Fran Rei levará o seu espectáculo de maxia, a partir das 20.00 horas, á praza do Floreal, espazo no que Os Festicultores actuarán despois ata as 22.30 horas. A intervención da orquestra Claxon na praza Roxa e a tradicional tirada de fogos de artificios pecharán a xornada dedicada á Virxe do Mar. Esta tamén será a protagonista da procesión marítima prevista para o mércores 16, no que actuarán Kanbahiota -ás 20.00 horas na praza do Floreal-, e The Barefoots e La Edad de Oro del Pop Español na praza Roxa, a partir das 22.30 horas.

Coa celebración o xoves do Día da Xira e o sábado a Festa da Xiva na praza da Revolta pecharán os contidos dun calendario de actos organizado pola Comision de Festas 2017, que conta coa colaboración do Concello cedeirense.

Nota.- O Palacete de Cedeira acollerá este xoves, día 10 de agosto, o acto de presentación dun novo número da revista Terras do Ortegal. A cita será ás 20.00 horas.