Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AS MARISCADORAS DE CEDEIRA RETIRAN LIXO DAS PRAIAS NO MARCO DO PROGRAMA “MAR LIMPO”

A Agrupación de Mariscadoras de Cedeira participa por segundo ano consecutivo no programa “Mar Limpo” cuxo obxectivo é retirar basura do mar e sensibilizar á sociedade sobre os nocivos efectos da contaminación do medio mariño. Desde o Concello, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil quixo agradecer a iniciativa destas mulleres e subliñou que “son un exemplo para a cidadanía”.

O proxecto que levan adiante as 18 mariscadoras da Confraría cedeiresa abrangue 16 xornadas de limpeza nas zonas dos bancos marisqueiros das praias da Magdalena, Esteiro e Pantín, conforme un calendario que se vai prolongar ata o mes de outubro. Ademais de ir aos areais para retirar lixo, o proxecto incluirá a celebración dunhas charlas no colexio Nicolás del Río e o IES Punta Candieira, nas que se explicará, entre outras cousas, como é o traballo de extracción de marisco e os factores que inciden na produción dos bancos, poñendo énfase nas nefastas consecuencias da contaminación e nas fórmulas coas que todos e todas podemos contribuír ao coidado do medio mariño.

A de Cedeira foi unha das poucas confrarías galegas que se sumaron ao programa Mar Limpo xa na súa primeira edición. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería do Mar e financiada a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca, na que as traballadoras reciben por cada xornada de limpeza unha cantidade equivalente ao que percibirían por unha de traballo, calculada coa media dos ingresos anuais.