Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

As escavacións no Sarridal son protagonistas no Congreso Internacional de Arqueoloxía

AS ESCAVACIÓNS NO SARRIDAL SON PROTAGONISTAS NO CONGRESO INTERNACIONAL DE ARQUEOLOXÍA

O castro do Sarridal e as escavacións levadas a cabo nesta zona de Cedeira está moi presente no Congreso Internacional de Arqueoloxía que estes días se está a celebrar en Vilalba (Lugo).

Onte mesmo un grupo de participantes se desprazou á vila, a primeira hora da tarde, para ter contacto directo coa escavación, na que en decembro pasado foi localizada a quinta pedra formosa atopada en Galicia.

A presenza dos congresistas deu lugar á recepción dos congresistas no popio xacemento por parte do alcalde, Pablo Moreda Gil e dos concelleiros de Cultura, Educación e Servizos Sociais, María Xosé Rodríguez Pérez, Rubustiano Labraña e Manuela López Rodríguez, respectivamente.

E os traballos que se están a realizar na zona do Sarridal volverán mañá a centrar a actividade do congreso coa participación no mesmo de Emilio Ramil, arqueólogo e director das tres escavacións executadas ata agora en Cedeira.

Ramil explicará aos asistentes as características do que é o segundo monumento con forno localizado na zona de Ortegal -Castro dos Prados (Ortigueira), o primeiro, atopouse 28 anos antes así como detalles destes traballos. A continuación, será o arqueólogo Xosé Ramón Martínez Casal, profesional que tamén está a participar nas escavacións, a persoa que leve o descubrimento ao terreo cultural, explicando a riqueza inmaterial que se deriva deste tipo de intervencións e que contribúe a contextualizar a historia dos pobos, neste caso da cedeirense.

O congreso, que arrincou onte, finalizará o venres cunha alta participación de profesionais de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Castilla-León, e norte de Portugal. A Asociación de Amigos do Museo de Vilaba e do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba está ao fronte desta cuarta edición do congreso, que ten periodicidade trianual.