Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

As amas de casas serán as pregoeiras das festas, que deixarán nove días de música e actividades en Cedeira

AS AMAS DE CASAS SERÁN AS PREGOEIRAS DAS FESTAS, QUE DEIXARÁN NOVE DÍAS DE MÚSICA E ACTIVIDADES EN CEDEIRA

Ángeles Villar, Carmen Villar y Chita Díaz forman parte da xunta directiva da Asociación de Amas de Casa de Cedeira e tamén serán as persoas que terán a responsabilidade de anunciar este venres, día 9, o inicio das festas que, ao longo de nove días, encherán de música, actividades e xente a localidade de Cedeira.

O pregón dará comezo ás oito da tarde, como é habitual, desde o balcón do Concello.

Durante a súa intervención, as pregoeiras encargaranse de reivindicar o papel da muller en todos os campos, non soamente no doméstico, así como a importancia de entidades destas características para dinamizar a sociedade no seu conxunto, para manter as tradicións e para enriquecer o movemento asociativo da localidade. Segundo adiantou a presidenta Ángeles Villar Fraguela, “o discurso será en ton de humor e tamén haberá sorna”.

A primeira xornada festiva rematará ás 20.30 horas coa celebración do trofeo Leira Antigua, no que o equipo local enfrontarase ao Meirás CF.O partido está organizado polo Cedeira SD.

Día 10.- A programación terá continuidade ao día seguinte coa celebración da XXIII Travesía Ría de Cedeira, organizada polo Clube Natación Cedeira-Muebles García, ás 12.00 horas, e co concerto promovido pola Asociación de Comerciantes do Casco Vello, a cargo do grupo Novo Plan. A praza da Marieta acollerá esta primeira cita coa música ás 23.00 horas.

Día 11.- O xornada do domingo arrancará ás 11.00 horas cun bautismo de mergullo no peirao vello e continuará, pasadas as doce da mañá, coa IV Bandeira Concello de Cedeira de Traiñeiras. A actividade retomarase a partir das cinco da tarde coa edición número quince dos Xogos Populares no paseo da Mariña e, a partir das 18.30 horas, co festival de Bandas de Música que terá como escenario a praza do Floreal. Un total de tres agrupacións tomarán parte no evento, organizado pola banda Vila de Cedeira e no que tamén intervirán as de Oza-Cesuras e Rábade.

A noite dará comezo ás 22.30 horas coa actuación da orquestra “Triunfo” na praza Roxa e rematará coa verbena que, a partir das 00.00 horas, correrá a cargo da orquestra París de Noia na praza da Revolta.

Día 12.- As Festas de Cedeira prolongaranse durante seis xornadas máis. Así o luns celebrarase o Entroido de Verán co parrarúas protagonizado pola Batukada dos Discalzos e a festa da Espuma, ás 22.00 horas, na praza Roxa coa actuación de Disco CDC.

Día 13.- O martes incorporarase ao programa festivo os “Seráns en familia”, unha actividade que terá continuidade tanto o martes como o mércores da próxima semana e que terá como referencia a praza do Floreal. Nesta primeira cita, que dará comezo ás 20.00 horas, actuará o grupo de teatro de Narón Ghazafelhos, mentres que para o día 14 está previsto o espectáculo “Saaaabor” con Fran Rei e Felix Rodríguez, e para o 15 a representación da obra “Son Elas” pola compañía Rojo Telón. A xornada do martes 13 rematará coa actuación do barítono Borja Quiza, a partir das 22.30 horas, na praza Roxa e coa orquestra “Olympus” na praza da Revolta, ás 00.30 horas.

Día 14.- O mércores arrancará coa actuación, ás 13.30 horas, na praza Roxa. Despois haberá un trofeo de Fútbol (Cedeira SD-Racing de Ferrol) e, a partir das 21.00 horas, a música correrá a cargo de Brassica Rapa, Asoaxe, Los Eternos e Os Benignos.

Día 15.- O xoves, Día da Patroa, haberá misa solemne ás 12.00 horas e procesión a continuación. Xa pola tarde, a partir das 19.30, os equipos femininos de fútbol do Racing de Ferrol e do CD Narón disputarán o trofeo Muebles y Carpintería García, mentres que a música virá da man das orquestras Nueva Fuerza y Principal que, a partir das 22.30 horas, actuarán sobre o escenario da praza Roxa. A xornada finalizará coa tradicional sesión de fogos.

Día 16.- A procesión marítima centrará a actividade do venres, xornada na que tamén terá lugar o trofeo de fútbol “O Amanexo gastrobar” (As Somozas-Montañeros), o festival de bandas de gaitas organizado por Buxainas e a actuación do grupo Claxon na praza Roxa, despois das 23.00 horas.

Día 17.- Coa celebración o sábado da tradicional romaría en Santo Antón e as actuación dos Claretes e Ardecasa na praza Roxa, pecharanse as Festas de Cedeira do 2019.