Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ADXUDICADOS DOUS CONTRATOS DE SUBMINISTRACIÓN DE 188 NOVAS LÁMPADAS LED NA ZONA URBANA

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar dous novos contratos para a substitución das vellas lámpadas de vapor do sistema de iluminación pública por outras novas de tecnoloxía led. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, trátase das actuacións de mellora da eficiencia enerxética nas rúas Nosa Señora do Mar, Regueiro, Salinas e outras e da actuación na Avenida de Castelao, ambas as dúas financiadas con cargo ao POS 2019. En total, o investimento suma 63.718,9€.

A empresa Instalaciones Especiales Malagueñas é a adxudicataria do contrato de subministración de 91 lámpadas de tecnoloxía led que persoal municipal colocará nas rúas Nosa Señora do Mar, Regueiro, Salinas, Hórreo, Silva, Travesía Da Silva, rúa Gaias da Area, Avenida Zumalacárregui e rúa López Cordón a Río da Veiga. A oferta seleccionada, entre as catro recibidas, ten un orzamento de 16.541€ (IVE incluído) e un prazo de execución de dous meses.

Por outra banda, o contrato para a subministración e instalación de 97 novos farois led na Avenida Castelao foi para a empresa Hallmann Energie, cun orzamento de 47.177,9€, entre as oito ofertas que recibiu o Concello. Neste caso, o traballo inclúe a colocación e tamén a adecuación de dous cadros de protección.

Só no presente ano, o goberno local executou ou ten en proceso de licitación diferentes proxectos neste eido da renovación do sistema de iluminación pública que suman máis de 2.000 puntos de luz, a maior parte deles na zona rural.

Cómpre recordar que a introdución da tecnoloxía led no alumamento público ten vantaxes desde o punto de vista medioambiental e tamén económico. As novas lámpadas precisan menos da metade da potencia eléctrica para dar a mesma luz que as vellas, de maneira que aforran emisións contaminantes á atmósfera e tamén rebaixan a conta do consumo eléctrico das arcas municipais. Tamén son máis respectuosas co medio porque non levan mercurio, como as de vapor de sodio, e ofrecen máis durabilidade e rendemento, polo que o Concello aforra no mantemento.