Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ADXUDICADA POR MÁIS DE 51.000€ A OBRA DE MELLORA DE TRES CAMIÑOS MUNICIPAIS NA ZONA RURAL

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou a adxudicación das obras de mellora de tres camiños de titularidade municipal situados no Barral (Esteiro), Casal de María (San Román) e Ferreira (Montoxo), por un importe de 51.042,63€ (IVE incluído). A empresa Lancer Proyectos y Obras será a encargada dos traballos, financiados con cargo ao Plan de Melora de Camiños Municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Os tres viais nos que se vai actuar suman máis de 1,6km de lonxitude. As obras consistirán na limpeza de gabias, o barrido da superficie e o recheo das fochancas onde as haxa e na posta dunha nova capa de asfalto, que proporcionará maior seguridade vial aos camiños, situados en diferentes parroquias da zona rural de Cedeira.

O máis longo dos viais incluídos nesta actuación é o da Ferrería, situado na parroquia de Montoxo, que percorre 756 metros e ten un ancho medio de entre 3,20 e 3,50 metros, aínda que conta cun tramo de 79 metros no que o ancho é maior, de 4,50 metros. Neste camiño, que vai da AC-566 á Igrexa de San Xiao de Montoxo. Levaranse tamén adiante as obras de mellora no camiño situado no Barral, na parroquia de Esteiro, que dá servizo desde a estrada AC-566. É un vial de 435 metros de lonxitude e un ancho medio de 3,20 metros. O terceiro camiño é o do Casal de María, en San Román, que percorre 416 metros entre a CP-2202 e a AC-566, cun ancho medio de 3,40 metros.

O prazo de execución das obras será de dous meses.