Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DAS AXUDAS PEL-REACTIVA PARA MICROEMPRESAS E AUTÓNOMOS DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira abre ata o vindeiro día 25 o prazo para a presentación de solicitudes ao programa PEL Reactiva, dotado con 137.741€ e dirixido a paliar os efectos da crise sanitaria das microempresas e autónomos da localidade. O alcalde, Pablo Diego Moreda, explicou que estas novas axudas son compatibles coas que acaba de resolver a propia administración municipal e que repartiron máis de 76.000€ entre 112 negocios locais. “Neste caso acollémonos ao fondo disposto pola Deputación Provincial, unha vez máis para tratar de darlle osíxeno ás pequenas empresas e aos traballadores por conta propia, para que poidan afrontar esta difícil situación mantendo no posible a actividade e os empregos”.

As novas axudas do PEL-Reactiva convócanse na modalidade de concorrencia competitiva e poderán oscilar entre os 1.500 e os 3.000€. As cantidades concedidas serán para cubrir gastos realizados entre o 1 de marzo e o 31 de decembro deste ano correspondentes a todo tipo de materiais e suministros vencellados coas medidas de prevención contra a Covid, así como arrendamentos de locais, vehículos, maquinaria e instalacións, seguros e subministracións. Os solicitantes terán de prazo ata o 31 de marzo para xustificar os gastos.

O programa PEL-Reactiva está financiado no 80% pola Deputación da Coruña e no 20% restante polo Concello de Cedeira. A convocatoria vai dirixida ás pemes e autónomos que tiveron que paralizar a actividade como consecuencia do decreto de declaración de estado de alarma dictado en marzo pasado, así como aos negocios que viron reducida a súa facturación nun 75% respecto á media do semestre natural anterior e aos que tiveron que acollerse a un ERTE.

O prazo de solicitude das axudas do PEL-Reactiva está aberto ata o día 25 de novembro.

DESCARGA PDF bases específicas PEL-REACTIVA