A XV Xuntanza de Palilleiras será o sábado no Polideportivo de Cedeira
A XV XUNTANZA DE PALILLEIRAS SERÁ O SÁBADO NO POLIDEPORTIVO DE CEDEIRA
A Xuntanza de Palilleiras de Cedeira chega este ano á súa decimoquinta edición. O programa, organizado pola Asociación de Amas de Casa e co que colaboran o Concello e máis a Deputación, terá lugar o próximo sábado, día 20, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Segundo as estimacións, serán arredor de cincocentas persoas as que este ano participen nunha celebración na que haberá exposición e venda de traballos, agasallos, sorteos e demostracións en vivo de patchword, encaixe e bordado tradicional. Moitos dos asistentes chegan de fóra.
As actividades darán comezo coa apertura do polideportivo municipal para acoller aos participantes así como aos primeiros visitantes das moitas persoas que ao longo do día pasarán por estas instalacións deportivas.
O primeiro dos sorteos terá lugar á unha da tarde. Botellas de viño, estancias para dúas persoas en aloxamentos da zona, roupa e ata décimos de lotería só son algúns dos agasallos que a organización rifará este ano grazas á axuda desinteresada do comercio, da hostalería e de negocios de Cedeira para facer aínda máis atractiva unha celebración que incide moi positivamente na economía local. Un segundo sorteo celebrarase a media tarde e tamén haberá agasallos para a persoa de máis idade, para a máis nova, para a agrupación máis numerosa e a que chega desde máis lonxe.
A presidenta das Amas de Casa, Ángeles Villar Fraguela, agradece a colaboración recibida por parte de entidades, empresarios e da veciñanza para celebrar unha cita que xa está a ser todo un clásico no arranque da tempada de outono na vila de Cedeira, ademais de invitar aos veciños da contorna a achegarse o próximo sábado á Cedeira para participar na Xuntanza.
A día de hoxe á Asociación de Amas de Casa de Cedeira pertencen unhas oitenta persoas. A entidade traballa a prol de conservar a tradición das labores feitas a man pero tamén contribúe á dinamización social da vila con cursos e mesmo co recoñecemento anual á “Muller da vila”.