Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A XUNTA LOCAL DA ASOCIACIÓN DE LOITA CONTRA O CANCRO RECIBIRÁ ESTE ANO O PREMIO MULLERES DA VILA

A Asociación de Mulleres da Vila acordou recoñecer á Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na quinta edición do premio que outorga cada ano en torno ao 8M. Segundo explicou a presidenta da entidade, Ángeles Villar Fraguela, “valoramos o traballo das mulleres que están á fronte desta entidade, todas mulleres, que son un exemplo de superación e de esperanza para as persoas que se enfrontan á enfermidade”. Desde o Concello de Cedeira, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, sumouse en nome da corporación á homenaxe e felicitou ás mulleres de ambas as dúas entidades polo seu traballo, “sempre a prol da colaboración e a axuda mutua, promovendo a participación das mulleres nunha Cedeira máis viva e igualitaria”.

Ángeles Villar explicou que a Asociación Contra o Cancro ten un traballo intenso en Cedeira e que o seu perfil é fundamentalmente feminino, tanto polas mulleres que están na directiva como polas voluntarias que colaboran con elas. Entre todas, comentou, desenvolven unha intensa labor informativa, “que é especialmente importante pola proximidade e porque elas mesmas viviron a enfermidade e ofrecen un testemuño esperanzador”.

Teresa Beceiro é a presidenta da asociación, a cabeza dunha directiva na que tamén está Masé García e coa que colaboran Juana Bellón e outras voluntarias. Tal como explica, a xunta local constituiuse hai cinco anos e o seu traballo é informar e sensibilizar, así como recadar fondos para a investigación, que é o mellor camiño para mellorar o diagnóstico. “Facémolo para sentírmonos mellor con nosoutras mesmas”, conta Teresa Beceiro, que lembra que todas son mulleres que pasaron ou que teñen a doenza.

Ao longo do ano fan moitas actividades, entre as que están a instalación de mesas informativas, coincidindo con campañas de prevención, a realización dunha cadea humana en verán ou a organización de eventos solidarios. A asociación ofrece moitos programas de axuda ás persoas enfermas, desde perrucas ata os psicólogos, logopedas, servizos de acompañamento… e é, tal como recorda Teresa Beceiro, a ONG que máis fondos destina en España a investigación. En Cedeira, a entidade conta co apoio do Concello na realización de accións de sensibilización cada 4 de febreiro e cada 19 de outubro, o día da loita contra o cancro e o do cancro de mama.

A entrega do premio “Muller da Vila” realizarase nunha gala que se vai celebrar o día 12 de marzo no Auditorio de Cedeira, na que haberá unha actuación musical e algunha outra sorpresa.