Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A XUNTA DE GOBERNO DÁ LUZ VERDE Á LICITACIÓN DA REFORMA INTEGRAL DA PRAZA 18 DE DECEMBRO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar o prego de licitación do proxecto de reforma integral da Praza 18 de Decembro, unha actuación que conta cun presuposto de 285.856,15€ (IVE incluído) e que se acomete con cargo ao POS+2020. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é un espazo moi frecuentado pola veciñanza, especialmente por persoas maiores, e que está moi exposto ao vento e a choiva. “A intervención vai servir para reordenar o espazo e dotalo dunha pérgola parcialmente pechada que dará abrigo e teito, facendo o lugar máis confortable e resgardado para pasar alí un rato de lecer”, explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil.

O proxecto técnico xa fora inicialmente aprobado polo pleno municipal a finais de 2019, pero tras a supervisión técnica da Deputación Provincial foi preciso solventar algúns detalles. Agora a actuación vai saír a licitación a través da Plataforma de Contratación do Sector Público polo procedemento aberto simplificado.

A Praza 18 de Decembro –antes coñecida como dos cabalos e que desde 2019 leva este nome en recordo dos fusilados nesa data de 1936- é unha illa peonil de máis de 585 metros cadrados situada na confluencia da rúa José Pascual López Cortón, o Camiño Real e a Avenida Castelao. Pola súa situación, é un espazo moi sometido aos ventos, predominantes do sur, sureste e suroeste, que coa construción dunha pérgola vai gañar en habitabitabilidade ao longo de todo o ano.

Así, a pérgola terá cuberta e paredes de vidrio, cunha estrutura con bases metálicas e elementos de madeira. Estará parcialmente pechada pola parte que máis vento recibe, e dentro da pérgola instalaranse bancos e papeleiras, así como unha serie de luminarias.

Na reorganización deste espazo público, están previstas sete prazas de estacionamento -dúas no lado Sur e cinco no Este-. Manteranse as árbores xa existentes, cos seus correspondentes parterres, e disporanse arbustos de medio porte na zona Norte, para separar a praza do vial con maior intensidade do tráfico rodado.