Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A UNESCO AVALIARÁ O PROXECTO DE XEOPARQUE CABO ORTEGAL ENTRE O 28 E O 31 DE AGOSTO

O Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal vivirá en cuestión de días o seu momento máis trascendente. Despois de sete anos de traballo e tras ser designado en 2021 un dos dous territorios do Estado que aspiran a obter o distintivo internacional, finalmente será entre os días 28 e 31 de agosto cando a candidatura se someta á avaliación de campo por parte da Unesco. A misión estará encabezada polo británico Chris Woodley-Stewart, director do Xeoparque North Pennines, acompañado do uruguaio César Goso, director científico do Xeoparque Grutas del Palacio.

Ambos expertos designados pola organismo internacional chegarán na tardiña do sábado 27 e desde primeiras horas do domingo ata o mediodía do mércores 31 visitarán distintos puntos dos sete concellos para analizar a madureza do proxecto desde a óptica da súa exclusividade xeolóxica e de como a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal está tomando como base ese valor de cara a promover un desenvolvemento local sostible.

A xornada do domingo 28 de agosto iniciarase a primeira hora da mañá cun encontro de traballo en Cedeira que irá seguido o resto do día dun percorrido pola faixa costeira do territorio entre Valdoviño e os cantís de Herbeira. No programa inclúense contidos xeolóxicos, patrimoniais e de desenvolvemento, como son, por exemplo, os encontros co sector pesqueiro, as paradas no Océano Surf Museo e na praia da Frouxeira -que acolle nesa data o Campionato de España de Surf- ou a visita ao Museo Mares de Cedeira.

O luns 29 a visita trasladarase ás terras do interior -San Sadurniño, Moeche e Cerdido- combinando de novo aspectos destacados da xeoloxía -o bloque granítico do Forgoselo, as canteiras de toelo e as antigas minas de cobre de Moeche e Cerdido- xunto coa explicación do patrimonio cultural material e inmaterial que se está dinamizando desde o proxecto en relación co turismo.

Neste segundo día da avaliación tamén están previstas xuntanzas co tecido veciñal e deportivo e, ademais, os representantes da Unesco coñecerán o Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla e outras experiencias orientadas á sostenibilidade agrícola e gandeira.

O martes 30 o itinerario de avaliación volverá á costa cun plan de traballo que atenderá aos vestixios do vulcanismo presentes no litoral de Loiba e Espasante (Ortigueira), pero tamén aos afloramentos de ecloxitas do Complexo de Cabo Ortegal. De feito, o cabo cariñés, a zona de Couce do Penido e a península de Masanteo-Illa de San Vicente, son tres dos Geosites cos que conta o proxecto. Os Geosites son lugares xeolóxicos de relevancia internacional pola súa exclusividade. A Unesco establece que para chegar a ser xeoparque é necesario contar con polo menos un destes espazos. Nos 799 Km2 do ámbito terrestre e marítimo do proxecto do Cabo Ortegal hai catalogados seis e outros dous poderían selo en breve.

Alén destas materias, o percorrido tamén analizará distintas iniciativas en marcha en apoio do turismo, a cultura e a difusión educativa e científica do proxecto. Tamén se abordarán os programas de conservación do patrimonio natural, así como a importancia da gandaría, o forestal e a transformación dos produtos do mar para a economía local.

Na tarde do martes está previsto un acto de despedida no faro de Cabo Ortegal ao que asistirán a rexedora e os rexedores dos sete concellos promotores -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño-, ademais de representantes da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno.

O mércores 31, último día da estadía dos avaliadores, a Unesco marca a realización dunha xuntanza final co equipo de xestión do proxecto de cara a facer un balance da visita no que os expertos poden formular distintas recomendacións pero en ningún caso avanzar nada sobre cal vai ser a súa valoración, que se fará seguindo un amplo listado de ítems relacionados cos valores xeolóxicos e, sobre todo, co cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible do territorio.

Se se cumpren os prazos, o avaliador senior Chris Woodley-Stewart e o avaliador junior César Goso -a Unesco sempre envía ás misións dúas persoas con distintos graos de experiencia- elaborarán o informe correspondente ao longo de setembro ou primeiros de outubro. Logo remitiranllo ao Consello de Xeoparques Mundiais, quen proporá o outorgamento ou denegación do distintivo Unesco Global Geopark. A proposta deberá ser ratificada pola Dirección Xeral da Unesco e elevada a definitiva polo Consello Executivo deste organismo dependente da ONU, algo que seguramente non se produciría antes da primavera de 2023.

Expectación e tranquilidade

A chegada dos avaliadores internacionais agárdase “con moita ilusión” por parte da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, tal e como asegurou o seu presidente e alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar. “Os sete concellos e todo o equipo técnico que leva preparando este proxecto nos últimos anos encaramos con optimismo este momento. Traballouse moito para presentar unha candidatura moi sólida”, asegurou.

Porén, consciente do alto grao de esixencia da Unesco á hora de verificar os requisitos que darían acceso á rede de xeoparques mundiais, o rexedor de Cariño móstrase prudente: “non queremos caer en triunfalismos, pero si temos a autoestima alta e o convencemento de que podemos facelo ben”.

José Miguel Alonso destaca, entre outros valores, “a xeoloxía excepcional e única que temos” á que se lle engaden paisaxe, coñecemento, cultura, turismo, patrimonio, servizos e produtos locais “e un proxecto integral e integrador de desenvolvemento sostible” que a asociación xestora confía en poder trasladarlle aos avaliadores en tan só catro días. “Afrontamos a avaliación da Unesco con tranquilidade, cos pés na terra, con modestia pero coa confianza de que podemos facer algo grande que está chamado a cambiar o futuro do territorio”, concluiu Alonso Pumar.