Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A sétima campaña no Castro Sarridal xa está en marcha e virá consolidar distintas estruturas

Un total de seis profesionais -unha restauradora, un canteiro, tres auxiliares de arqueoloxía e o arqueólogo Emilio Ramil, da empresa AXA Arqueoloxía -están a traballar na sétima campaña de escavacións no castro Sarridal, a terceira financiada pola dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. O importe da intervención supera os 14.000 euros (IVE incluído).

Os traballos que deron comezo o pasado venres, terán continuidade ata a segunda semana do próximo mes de outubro, sumando un total de 22 días. O proxecto consiste na posta en valor e consolidación das estruturas, na súa maioría as escavadas durante a anterior campaña, así como a instalación de elementos separadores para protexer e darlle altura a construcións como poden ser murallas ou mesmo zonas de acceso. Estes elementos separadores son as denominadas “hiladas” en arqueoloxía, que consisten na instalación dunha serie horizontal de ladrillos ao outras pezas colocadas nun mesmo plano para alzar unha parede ou muro.

Así aos similares traballos xa realizados na antecámara e no forno sumaranse agora os que nos próximos días se levarán a cabo na zona de alimentación do forno, no muro que define o pavimento orixinal de acceso, na muralla -paramento interior e exterior- e no bastión, entre os principais.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, reiterou o compromiso do executivo local de seguir investindo ata completar o levantamento íntegro do castro “para axudar ao coñecemento da nosa cultura e do noso pasado e para facer dese lugar unha referencia a nivel patrimonial e cultural, ademais de paisaxístico”. Adiantou a intención do goberno de financiar unha nova escavación arqueolóxica antes de que finalice o ano e valorou os traballos de consolidación que está a levar a cabo a Xunta “porque é importante que a xente saiba como era a vida no castro e, ademais, é unha forma de evitar que se deteriore co paso do tempo”.

O rexedor cedeirense recoñeceu así mesmo sentirse orgulloso dos resultados obtidos na sexta escavación, na que foi localizada unha moeda do século I a.de C., e recordou que se está a traballar na remodelación do castelo da Concepción para que poida acoller o centro de interpretación do castro Sarridal coa exposición de todos os obxectos e restos recuperados.