Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A primeira planta do pavillón acolle unha aula multidisciplinar para impartir cursos, obradoiros e charlas

A PRIMEIRA PLANTA DO PAVILLÓN ACOLLE UNHA AULA MULTIDISCIPLINAR PARA IMPARTIR CURSOS, OBRADOIROS E CHARLAS

O Concello de Cedeira vén de lle poñer fin a carencia que existía de instalacións municipais para impartir cursos coa creación dunha aula multidisciplinar na primeira planta do polideportivo municipal, “o sitio ideal”, segundo o alcalde, Pablo Moreda Gil.

A instalación agora inaugurada está pensada para acoller cursos, charlas e obradoiros, como o que o Concello xa está a organizar para persoas maiores que desexen poñerse ao día con respecto ás novas tecnoloxías, unha iniciativa que moi posiblemente tamén se trasladará ás parroquias. Trátase dun curso de informática básica.

O alcalde recoñece que a obra realizada no pavillón responde á demanda existente no municipio e reitera a “carencia moi grande en canto a instalacións municipais que se encontren libres debido á grande cantidade de asociacións culturais e entidades deportivas que utilizan todo tipo de dependencias municipais para poder desenvolver con éxito as súas actividades”.

O Concello tratará agora de obter a máxima rendibilidade dunhas instalacións adecuadas para acoller todo tipo de programas formativos. A aula foi pensada para unhas quince persoas e está equipada cos recursos necesarios.