Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A praza da Marieta acolle unha exposición sobre nutrición, obesidade e saúde

A PRAZA DA MARIETA ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN SOBRE NUTRICIÓN, OBESIDADE
E SAÚDE

O espazo antes ocupado por unha mostra que animaba ao un consumo responsable é o mesmo no que agora se atopa outra sobre nutrición, obesidade e saúde, tamén organizada pola Concellería de Medio Ambiente.

A antiga oficina de Turismo, situada na praza da Marieta, acolle desde esta semana unha exposición na que a través de 12 láminas e os correspondentes comentarios se aborda esta problemática, “unha auténtica praga do século XXI, desde o embarazo ata a adolescencia, pasando pola lactancia e as etapas de preescolar e infantil”, segundo o concelleiro responsable de dita área, Camilo Casal.

Na mostra coméntase a necesidade urxente de evitar que un de cada tres nenos/as teña sobrepeso ou sexa obeso, coas consecuencias moi negativas que terá cando sexa adulto, tales como diabetes, trastornos cardiovasculares, hipertensión arterial, entre outras posibles doenzas. Faise tamén fincapé en como evitar os malos hábitos, nas técnicas culinarias e as racións de cada alimento recomendables para as distintas idades.

Dado o interese que a mostra ten para o conxunto da poboación de Cedeira, desde a Concellería de Medio Ambiente anímase a veciñanza a visitala durante os próximos días. Estará aberta un mes.