Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A política de aforro enerxético chega á iluminación da Praza de Galicia e avenidas Area e Zumalacárregui

O Concello de Cedeira vén de substituír as lámpadas de vapor de sodio na iluminación pública da praza de Galicia, avenida Area, rúa Cuartel e avenida Zumalacárregui por outras de tecnoloxía led, seguindo así coa política municipal de apostar polo aforro enerxético, a diminución das emisións de dióxido de carbono e a redución da contaminación lumínica.

O importe desta última intervención ascendeu a 36.166,90 euros (IVE incluído) e foi executada pola empresa Hallmann Energy. Son obras que dan continuidade ás acometidas máis recientemente nos xardíns da praza Roxa e na praza de López Cortón, así como ás tamén realizadas desde hai tempo tanto no centro urbano -rúa Ezequiel López, Mariñeiro e Real- como noutros puntos da zona rural.

Os traballos de iluminación da praza de Galicia, as avenidas Area e Zumalacárregui e rúa Cuartel completáronse ademais coa instalación de puntos de luz nos pasos de peóns existentes ao longo das devanditas estradas. Forman parte dun plan municipal para dar maior visibilidade aos peóns co fin de que os automobilistas poidan percibir a presenza de persoas sobre a calzada. Este sistema xa está a funcionar en case todo o centro urbano da vila de Cedeira.