Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A parroquia de San Román xa ten a súa propia asociación de veciños

A PARROQUIA DE SAN ROMÁN XA TEN A SÚA PROPIA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS

O goberno de Cedeira aplaude a creación da Asociación de Veciños de San Román, porque “contribuirá á dinamización da parroquia, porque velará polos intereses dos veciños e porque coas súas accións mellorará a calidade de vida dos seus habitantes”.

Así o puxeron onte de manifesto o alcalde, Pablo Moreda Gil, e máis a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, na reunión mantida coa directiva constituínte, formada principalmente por xente moza.

Esta boa acollida por parte do executivo local púxose de manifesto co compromiso da cesión en precario do escolar da parroquia e coa execución dalgunhas obras para facer do mesmo un lugar de encontro e de reunión de persoas de todas as idades de San Román. Dentro deste apartado falouse da realización de obras para a acometida de auga e para a conexión á rede de saneamento.

Os responsables municipais tamén deron conta no transcurso da reunión das posibilidades que existen para que esta nova entidade poida acollerse ás subvencións públicas coas que o goberno municipal busca fomentar a cultura e o deporte a través das axudas que, en libre concorrencia, se reparten entre as asociacións locais.