Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A OFERTA TURÍSTICA LOCAL XA CONTA CON DÚAS NOVAS RUTAS LITORAIS PARA VIVIR A CULTURA MARIÑEIRA

Durante os pasados meses leváronse a cabo os traballos para a recollida de datos e información para a xeración das rutas mariñeiras. Por unha parte, analizouse a oferta turística dispoñible para detectar posibles carencias ou reclamos por parte de locais e visitantes. Posteriormente, realizouse un estudo do territorio co fin de recoñecer zonas potenciais para desenvolver as rutas, examinar a súa accesibilidade e revisar o seu estado. De xeito simultáneo, fixéronse entrevistas a axentes locais para coñecer mellor a realidade do seu territorio, entender a relevancia das súas profesións e poder transmitir os seus coñecementos nas rutas.

Ademais destas entrevistas, xurdiron os protagonistas para as videotestemuñas que acompañan as rutas. O resultado destas actividades de documentación e tratamento da información son dúas rutas circulares accesibles tanto a pé como en BTT nas que vivir de preto a tradición das profesións do mar. Por unha parte, unha ruta urbana de baixa dificultade na que observar de preto os oficios mariñeiros e os enclaves da vila asociados a eles, así como os espazos que marcaron a súa historia. Por outra parte, unha ruta polos altos da serra Capelada con dúas alternativas para executala: unha versión cun percorrido máis curto e outra máis estendida para aquelas persoas con ganas de descubrir máis lugares do litoral. A través desta ruta pódese gozar das espectaculares paisaxes que conforman os lugares de traballo das xentes do mar. Ambas rutas teñen recollido o seu track no perfil de Wikiloc municipal onde se atopa toda a información necesaria para a súa realización.

Todos os contidos xerados para estas rutas mariñeiras están dispoñibles na web de turismo do concello. Aquí pódense consultar os percorridos das rutas e os seus perfiles en wikiloc con información sobre os puntos do percorrido; aprender máis sobre os tres recursos máis destacados en cada ruta a través dos audios dispoñibles en galego, español ou inglés; ver as fotografías dos enclaves que se visitarán no itinerario; descubrir as profesións mariñeiras visualizando os vídeos co testemuño das redeiras e os percebelleiros da vila ou obter un resumo visual rápido das rutas descargando o díptico dispoñible con toda a información necesaria para empezar a camiñar ou pedalear. O díptico estará dispoñible tamén en formato impreso nos puntos de interese turístico.

As actividades do proxecto “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do concello de Cedeira. CEDEIRA MARIÑEIRA” foron posibles grazas á xestión do Concello de Cedeira e ao apoio económico do GALP A Mariña – Ortegal e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.