Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A obra “Terapia de bar” pecha este sábado o ciclo de teatro afeccionado en Cedeira

A OBRA “TERAPIA DE BAR” PECHA ESTE SÁBADO O CICLO DE TEATRO AFECCIONADO EN CEDEIRA

O ciclo de Teatro Afeccionado, organizado por Teatro da Vila (Cedeira), pechará este sábado (día 27) coa representación da obra “Terapia de Bar” polo grupo O Aturuxo de Melpómene, ás 20.00 horas no auditorio municipal. O prezo da entrada é de dous euros.

Trátase dun texto de José Luis Prieto, que conta a historia do bar “Da costa”, que non está na costa senón perdido no medio do monte, lonxe de calquera sitio, onde rara vez para ninguén e, cando o fai, non volve nunca máis.

A propietaria do establecemento e os seus dous únicos clientes habituais, movidos polo aburrimento e tamén polo seu desequilibrio psíquico, deciden converterse en salvadores da humanidade e elaboran un plan para eliminar do mundo os vicios que, segundo eles, son os culpables de todos os males do ser humano: o xogo (aínda que sexa a brisca), os avances tecnolóxicos (aínda que só sexa unha chamada polo móbil) e a ambición desmesurada polo diñeiro (aínda que o único síntoma sexa non deixar a propina axeitada).