Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A obra de saneamento nas rúas Paz, Silva e Floreal dará comezo o luns día 13 de maio

A OBRA DE SANEAMENTO NAS RÚAS PAZ, SILVA E FLOREAL DARÁ COMEZO O LUNS DÍA 13 DE MAIO

O proxecto de mellora na rede de saneamento nas rúas Paz, Silva e Floreal dará comezo o día 13 do presente mes. Así o puxo de manifesto o alcalde, Pablo Moreda Gil, no momento da sinatura do contrato co representante da empresa que levará a cabo uns traballos que se prolongarán por espazo de 60 días naturais.

Urespa Proyectos y Obras é a construtora adxudicataria dun concurso no que tomaron parte un total de 10, cunha oferta económica de 113.069,44 euros (IVE incluído), a segunda máis baixa, e coa puntuación máis alta en criterios como estabilidade temporal de fixos e mulleres, prazo de garantía e plan de igualdade, entre outros. O prezo de licitación era de 146.896 euros.

A intervención consistirá en transformar a actual rede unitaria de saneamiento “moi deteriorada” por unha nova separativa nestas tres rúas, que supoñen case medio quilómetro de lonxitude. As obras consistirán na substitución dos colectores de augas residuais por outros de PVC, así como na execución dun novo colector exclusivo para pluviais. Tamén se contempla a realización dun total de 65 acometidas domiciliarias, a construción de 21 pozos de rexistro fabricados en formigón e o mesmo número de sumidoiros, cuxa capacidade de desaugadoiro será suficiente para absorber polo menos o 70% do caudal de referencia. O proxecto culminará coa reposición dos asfaltados que se poidan ver afectados.

O goberno municipal valora especialmente a realización desta obra, por canto, ademais de mellorar a calidade de vida dos veciños, tamén se deixará sentir tanto na praia como na ría coa posta en marcha nun novo tramo de rede separativa. A obra está financiada ao cen por cen pola Deputación da Coruña e a súa realización enmárcase na línea de actuación que o executivo local está levando a cabo desde o seu acceso á Alcaldía.