Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A NOVA ESCAVACIÓN NO CASTRO SARRIDAL CONFIRMA A OCUPACIÓN DA ZONA DURANTE MÁIS DE OITO SÉCULOS

A última campaña de escavación que o Concello de Cedeira está a levar a cabo no xacemento de Castro Sarridal deparou unha grata sorpresa: o descubrimento dos restos dun templo tardoantigo de planta basilical. O achado significa, entre outras cousas, que este emprazamento estivo ocupado durante máis de 800 anos, unha circunstancia que confirma o enorme potencial arqueolóxico e patrimonial da zona. Emilio Ramil, o director do equipo de Axa Arqueoloxía, explicou que estes restos confiren maior complexidade ao conxunto e o converten nunha referencia totalmente innovadora en Galicia.

Os restos atopados están no sector oeste do xacemento, preto da sauna castrexa. A escavación destapou un muro e o ábside desta construción, que correspondería á época tardoantiga, a partir do século IV d.C., o tempo que corresponde ao fin do mundo romano e á entrada dos visigodos e a cristianización. Emilio Ramil explicou que haberá que continuar traballando e escavando para ter certezas, pero que a hipótese de traballo é que esta construción sería un oratorio, un espazo de culto, do citado período. “O máis importante é que o achado confirma que estamos a falar de máis de 800 anos de ocupación nesta zona”, comentou Ramil.

A campaña de escavación, que comezou a mediados de xullo e vai rematar esta semana, desenvolveu tamén traballos na zona da muralla defensiva do castro Sarridal, onde apareceu un muro que corta o mesmo torreón defensivo, cunha entrada en forma de vano ou escada. Esta é outra incógnita que haberá que despexar en sucesivas escavacións.

Unha vez rematada esta campaña virán, no mes de setembro, os traballos de consolidación dos restos escavados, que serán financiados pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.