Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PXOM PARA AMPLIAR O CENTRO DE SAÚDE, NA XUNTA PARA AVALIACIÓN AMBIENTAL

O Concello de Cedeira enviou xa á Consellería de Medio Ambiente, para a súa avaliación ambiental, a modificación puntual do PXOM para a ampliación do Centro de Saúde. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que a súa redacción foi contratada en marzo pasado, unha vez que a Xunta de Galicia retomou o seu compromiso de mellorar os servizos sanitarios na vila, e confiou en que a Consellería de Sanidade, pola súa banda, tamén cumpra o compromiso de axilizar os trámites e estudos necesarios para que, unha vez que a ordenación urbanística quede lista, poidan poñerse en marcha as licitacións precisas.

A Consellería de Medio Ambiente someterá a modificación puntual aos trámites de exposición pública e decidirá se procede a tramitación ordinaria ou simplificada. A segunda é máis rápida e desde o equipo de goberno do Concello de Cedeira confían en que o expediente poida acollerse a ela. Unha vez que Medio Ambiente emita o seu informe, que non será antes de catro meses, haberá que trasladalo a outros organismos, entre eles á Demarcación de Costas, antes de poder sometelo ao pleno municipal para a súa aprobación inicial e exposición pública. Posteriormente aprobaríase provisionalmente e o expediente iría á Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, que é o organismo que terá que dar a súa aprobación definitiva.

O Concello de Cedeira contratou por 17.500 euros a redacción da modificación puntual do PXOM para facer viable a ampliación do Centro de Saúde. O cambio na ordenación urbanística consiste en dotar de usos sanitarios á zona na que está situado o Centro de Saúde e o colindante edificio do número 7 da rúa Ortigueira, no que se vai executar a ampliación.

Cómpre recordar que en decembro de 2019 o Concello de Cedeira mercou o baixo, terceiro piso e baixo cuberta do citado edificio, por máis de 60.000 euros, para facerse coa propiedade de todo o inmoble e poñelo a disposición da Consellería de Sanidade. Porén, non foi ata marzo pasado cando a administración autonómica retomou o seu compromiso de poñer en marcha este proxecto de ampliación tan longamente demandado.