Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A MALETA VIAXEIRA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO FAI PARADA NA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE CEDEIRA

A subdelegada do Goberno, María Rivas, presentou hoxe na biblioteca municipal López Cortón de Cedeira, acompañada pola concelleira de Igualdade, Carmela Prieto, e polo alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a “MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero”. Trátase dunha equipaxe chea de libros que falan de feminismo, igualdade, autoestima, empoderamento e outros moitos temas, cos que se pretende mover á reflexión sobre os estereotipos que sustentan o machismo na sociedade e sobre a necesidade de derribalos.

A maleta MAVI leva tempo viaxando para levar a súa mensaxe a prol da igualdade a lectores de diferentes lugares de Galicia. Cedeira é o segundo municipio da provincia que visita e a biblioteca pública encargarase de prestar os libros ao público infantil, xuvenil ou adulto. Coa equipaxe vai tamén un diario que se abre en cada localidade para recoller comentarios e reflexións das persoas que comparten estas lecturas.

A concelleira de Igualdade, Carmela Prieto, agradeceu a parada da maleta viaxeira en Cedeira e subliñou que o municipio, e o goberno local, están comprometidos coa procura da igualdade. Así, recordou que o Concello aprobou o pasado ano o seu primeiro Plan de Igualdade, “que debulla os retos concretos e a estratexia que estamos a seguir para avanzar cara unha equidade real en todos os eidos”. Recordou que xunto coa posta en marcha de dito plan se están a impulsar outras iniciativas desde o municipio para sensibilizar e concienciar á veciñanza, como foi a inauguración dun “punto lila” na mesma biblioteca López Cortón en marzo deste ano, cun conxunto de lecturas de temática feminista para públicos de todas as idades.

Na cita estivo presente profesorado encargado das bibliotecas do CEIP Nicolás do Río e o IES Punta Candieira, ao que desde o goberno local se agradeceu expresamente todo o seu traballo.

O encontro foi aproveitado tamén para impulsar a coordinación interinstitucional fronte a violencia de xénero. Así, María Rivas e Moreda Gil acordaron a incorporación da Policía Local de Cedeira a nova Mesa de Coordinación que se vai crear para sumar os esforzos de todos os órganos e institución implicados na materia, así como a súa adhesión ao sistema Vioxén do Ministerio de Interior, un sistema para o seguemento integral aos casos de violencia de xénero.

No acto, no que tamén participou a Xefa da Unidade Contra a Violencia sobre as Mulleres na Coruña, María Isabel Álvarez, púxose de manifesto que na provincia hai actualmente 1.938 casos activos do sistema Vioxén, nove deles no Concello de Cedeira. Son todas elas “razóns para seguir traballando de maneira coordinada entre institucións para acabar con esta lacra social”, dixo María Rivas.