Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A LIGA GALEGA DE TRAÍÑAS CHEGA Á VILA COA DISPUTA MAÑÁ SÁBADO DA VI BANDEIRA CONCELLO DE CEDEIRA

A Liga Galega de Traíñas recala de novo mañá na vila para a disputa da sexta edición da Bandeira Concello de Cedeira, organizada polo clube de remo local co respaldo do Goberno municipal. A regata, incluída na segunda categoría da competición autonómica, reunirá a sete embarcacións, a partir das cinco e media, sobre un campo de regatas situado nas inmediacións do espigón do peirao novo.

Trátase da cuarta cita dun calendario do que só puideron disputarse dúas probas –a de Perillo foi suspendida polo vento- e nas que Castropol resultou o gran dominador, polo que a tripulación asturiana parte coma favorita para imporse nunha regata na que Samertolameu-Oversea B parece, a priori, o seu máximo adversario. O Club de Remo Cedeira, que actualmente ocupa a terceira posición na clasificación xeral tratará de dar a sorpresa e puxar xunto con Amegrove por inquietar esa hexemonía. Estas serán as catro traíñas que compoñan a quenda de honra. Con anterioridade, sairán ao mar Vila de Cangas, Muros e Salgado-Perillo. “Confiamos en que os nervios non nos pasen factura”, advirte Chema Hermida, presidente do clube e un dos remeiros da tripulación cedeiresa, ao valorar as posibilidades dos anfitrións.

A pesar de seren un campo de regatas en mar aberto, as boas condicións meteorolóxicas que se prevén para a tarde de mañá, con vento escaso e mar en calma, non invitan a que se produzan sorpresas deportivas, aínda que si aseguran un gran espectáculo. Por iso, tanto desde o clube como desde o Consistorio animan aos veciños e visitantes a achegarse á zona do espigón para desfrutar dun dos maiores espectáculos do remo en banco fixo do que se pode ver en Galicia.

A traíña anfitrioa conta cunha tripulación composta nun noventa por cento por remeiros da vila, reforzada nesta tempada por catro xuvenís procedentes do Náutico Ribeira. Con estes vimbios tratará de loitar, coma o ano pasado, por acceder ao play-off de ascenso á primeira categoría da Liga Galega de Traíñas.

O remo é un dos deportes con máis tradición na vila de Cedeira. O clube local, creado en 1960, formou xa a varias xeracións de remeiros nestes máis de sesenta anos de vida. O banco móbil é a súa disciplina prioritaria, na que acumula algúns títulos estatais e logrou situar a varios deportistas en competición internacionais defendendo as cores da selección española. Porén, desde fai cinco anos sae ao mar tamén cunha traíña e retomou a competición en diversas modalidades de banco fixo.