Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A festa do Samaín de Cedeira cumpre trinta anos e presentarase o día 23 en Ferrol nunha charla-coloquio na sede de Afundación

A FESTA DO SAMAÍN DE CEDEIRA CUMPRE TRINTA ANOS E PRESENTARASE O DÍA 23 EN FERROL NUNHA CHARLA-COLOQUIO NA SEDE DE AFUNDACIÓN

A festa do Samaín de Cedeira chega este ano á súa trixésima edición cunha morea de actividades que darán comezo o próximo mércores e rematarán na xornada do domingo, día 3 de novembro, despois de máis dunha semana de encontros e celebracións para todas as idades.

A organización dos actos corre a cargo do Concello cedeirense que conta coa colaboración da Asociación Amigos do Samaín, da ANPA Picapeixe, da Asociación Cultural Garola, do colectivo Aventureros en Galicia e mesmo da Deputación da Coruña para levar a cabo charlas, obradoiros, actuacións musicais e concursos, entre outras citas, para facer destas celebracións unha homenaxe pública e colectiva ás tradicións populares.

E co fin de abrir esta cita tan especial á participación da veciñanza da comarca en xeral, os convocantes organizan unha charla-coloquio que terá lugar o próximo mércores na sede Afundación, situada na praza da Constitución de Ferrol. Será ás 18.30 horas e correrá a cargo de responsables da entidade Amigos do Samaín.

O programa terá continuidade os días 28, 29 e 30 coa celebración dun obradoiro de manualidades e decoración que será na sala Áncora en horario de 16.30 a 18.30 horas. Ten como obxectivo a realización de adornos para os actos festivos que están por vir.

O xoves 31 a actividade principal será a actuación de “As Parábolas de Pakolas” no auditorio municipal (17.30 horas), mentres que ao día seguinte (1 de novembro) a festa traducirase nun obradoiro de zonchos e pintura (17.00 horas) e na actuación de monicreques de cachiporra “Dona Barriga Verde”, con Larraiz Urrutzola, no interior dos toldos situados no paseo da Mariña.

Estas mesmas instalacións acollerán o día 2 a celebración da tradicional xincana infantil, organizada por Aventureros en Galicia, e a esperada Casa do Terror, na que poderán tomar parte menores de 15 anos. Ámbalas dúas iniciativas se levarán a cabo en horario de 12.30 a 14.00 e de 16.00 a 16.30 horas para, a continuación, dar paso á presentación do concurso de cabazas (de 17.00 a 19.30 horas), á saída da xincana (17.00 horas), á celebración do tradicional obradoiro de maquillaxe (17.30 horas) e á merendola de outono, na que haberá degustacións de requeixo con mel e bola de azucre. A entrega dos premios será ás 20.00 horas e a celebración do Desfile das Pantasmas (20.30 horas) porá punto final a unha xornada que fará gozar a maiores e pequenos.

A festa do Samaín rematará o domingo 3 de novembro coa presentación do libro “Viaxe ao alén” de Obdulia Dopico, que durante o encontro estará acompañada da concelleira de Cultura, Ermitas García, e do historiador e docente Carlos Breixo. Tamén no acto se proxectará un traballo documental realizado por Álvaro Fernández Polo.