Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A festa de Lugnasad chega este ano á súa décima edición

A FESTA DE LUGNASAD CHEGA ESTE ANO Á SÚA DÉCIMA EDICIÓN

A Asociación de Amigos de Lugnasad convoca para os días 24 e 25 a décima edición de Lugnasad, unha celebración de orixe celta para elixir á persoa, sexa home o muller, coa que se quere pasar o inverno que está por vir. Arredor de 30 parellas de Galicia, España, Francia e unha chegada expresamente desde Colombia tomarán parte nunha festa que este ano, como principal novidade, presenta a recepción dos noivos por parte das autoridades locais. Será o sábado, ás 12.30 horas, no Concello.

O programa arrincará ás 21.00 do venres 24 coa lectura do pregón, a cargo de Germán e Peggi, unha das parellas máis lonxevas do Lugnasad, e a actuación de Antonio Rodríguez Bustabad, profesor da Escola de Música Vila de Cedeira, a partir das 21.30 horas.

A “Noite dos Druídas” dará comezo ás once da noite e terá como escenario a zona do Camiño Real da Madalena, un entorno urbano no que este ano terán lugar a maioría dos actos previstos. É o mesmo no que veciños e familiares dos noivos construirán as cabanas que axudarán a recrear un antigo poboado castrexo. A reunión dos druídas inclúe a preparación dunha gran queimada que máis tarde compartirán todos os presentes. A xornada finalizará coa actuación do grupo Airoa.

O calendario de actos do día seguinte, o 25, dará comezo ás 12.00 horas co desfile desde o poboado da Madalena ata a Casa do Concello, cuxo exterior servirá de marco para o posado fotográfico das parellas, mentres que a praza Roxa acollerá a súa presentación oficial. Será ás 13.00 horas.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, haberá xogos populares para nenos (a busca do grial e o home do saco), e actividades para os maiores (lanzamento do tronco, óso ao caldeiro e tiro de corda). A actuación do grupo Asoaxe está prevista para as 20.00 horas.

A celebración das vodas celtas será ás 23.30 horas e, a continuación, dará comezo a cea dos noivos. A cerimonia é gratuíta e este ano oficiarase sobre a area branca da praia de Cedeira. Para asistir á cea é necesario facer a reserva na oficina de turismo (Palacete municipal). A festa concluirá pasadas as doce da noite coa actuación do grupo Farrapo de Ghaita.

Manuel Aneiros foi a persoa que tivo a idea orixinal e a que segue a levar o peso da celebración, para a que conta coa colaboración do Concello de Cedeira, a Asociación de Amigos de Lugnasad, a banda de música Vila de Cedeira, o ximnasio Area Gym, as asociacións de hostaleiros e comerciantes da vila e a entidade de Caza e Pesca Cedeira-Cerdido.

Aneiros destacou a importancia da festa pola gran afluencia de visitantes que atrae á vila, o que xenera bo ambiente e negocio tanto no sector da hospedería como no da hostalería.

As parellas que queiran pasar un inverno agarimoso aínda teñen a posibilidade de apuntarse a través do correo electrónico: galiciamagica@galiciamagica.com. Algunha das xa rexistradas veñen de Madrid, Barcelona, León, Sevilla, Cangas, Pontevedra, Ourense, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo, entre outros lugares de procedencia.

A vixencia da unión é dun ano, aínda que tampouco existe data de prescrición.

Máis información na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Información sobre Lugnasad 2018