Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Deputación e Cedeira invisten 100.000 euros para dotar de saneamento ao núcleo das Pontigas

A Deputación e o Concello de Cedeira investirán 100.000 euros nas obras de construción da nova rede de saneamento que dará servizo ao núcleo das Pontigas e beneficiará a 120 veciños e veciñas da zona.

As obras, que veñen de saír a licitación pública, serán cofinanciadas nun 75% a través do Plan único da Deputación, que achega 75.383 euros, nun 25% polo Concello de Cedeira, con 24.616 euros de fondos propios.

Os traballos implantarán un sistema de saneamento autónomo, sen consumo de enerxía de ningún tipo e cun mantemento moi reducido no lugar das Pontigas, na saída do núcleo urbano cedeirés cara Santo André de Teixido.

O saneamento estará baseado nun sistema de fitodepuración en balsa húmida e pretende mellorar a calidade ambiental do municipio ao evitar residuos ou rebordamentos accidentais das fosas sépticas individuais coas que contan os veciños na actualidade, recollendo todas as augas residuais a través dun único colector que rematará nunha balsa de depuración.

O colector percorerrá dende a parte alta do lugar das Pontigas ata unha parcela próxima ao rego homónimo, onde se construirá o sistema de depuración. A traza do colector terá 800 metros de lonxitude e contará ao longo do seu percorrido con 21 pozos de rexistro, rematando nunha balsa de fitodepuración que completará o proceso depurativo.

Fonte: Deputación da Coruña

IR Á LIGAZÓN A Deputación e Cedeira invisten 100.000 euros para dotar de saneamento ao núcleo das Pontigas