A DEMARCACIÓN DE COSTAS SACA A EXPOSICIÓN PÚBLICA O PROXECTO DE RECUPERACIÓN DA CETARIA DO SARRIDAL

A Demarcación de Costas de Galicia saca a exposición pública o proxecto de acceso e acondicionamento da cetaria do Sarridal, unha intervención paralizada desde o ano 2010 por unha decisión técnica e agora recuperada polo goberno municipal “porque pon de manifesto as nosas raíces e porque se atopa nunha zona de gran valor patrimonial”, segundo apuntou o rexedor municipal, Pablo Moreda Gil.

Desde hoxe e dentro dun prazo de 20 días, a documentación pode ser consultada nas dependencias que a Demarcación de Costas ten na cidade da Coruña (c/ San Pedro de Mezonzo, n.º 2, bajo -Esquina avenida de Finisterre-), e mesmo no Concello de Cedeira. Este periodo de tempo tamén é válido para a presentación de alegacións.

O alcalde considera que é unha magnífica noticia para o conxunto da poboación local, ao tempo que reitera o compromiso da administración local en colaborar economicamente na execución dunhas obras, cuxo importe actualizado ascende a 312.589,89 euros.

O proxecto consistirá na recuperación das estruturas existentes, en darlle accesibilidade ao lugar e en intervir sen alterar unha construción que, ademais de formar parte del patrimonio local, se atopa nunha zona na que xa existen outras riquezas patrimoniais, como poden ser o castelo da Concepción e o xacemento arqueolóxico no que foi localizada a quinta pedra formosa de Galicia.

Esta actuación, xunto ao asunto da rexeneración da praia, levou recentemente ao alcalde a manter reunións de traballo, tanto en Madrid como na Coruña, co responsable da Subdirección General para la Protección de la Costa, Ángel Muñoz Cubillo e co Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil Apenela.